A Xunta inviste máis de 200.000 euros no Mirador de Enxilde, na sinalización turística e no abastecemento en Foxas en Mazaricos con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, Juan José Blanco, asinaron as actas de recepción das obras

Mazaricos (A Coruña), 7 de xaneiro de 2019

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, as actas de recepción das obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En total, investíronse algo máis de 200.000 euros no Mirador “Pai Sarmiento” en Enxilde, na sinalización da senda paisaxística e ornitolóxica en Mazaricos, no abastecemento para o depósito municipal de auga no lugar de Foxas e para o desbroce mecanizado de estradas, pistas e camiños rurais.

En total, na comarca repartíronse 768.199 euros para facer obras en Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Outes, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, e na Mancomunidade Serra do Barbanza.

Ovidio Rodeiro destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.

Estas novas actuacións previstas para o 2018 financiáronse con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental e con cargo a fondos propios da Orden de Infraestruturas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen no seu territorio municipal un parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estas axudas van destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/01/2019