O conselleiro José González reuniuse co alcalde desta localidade ourensá en San Caetano
A Xunta colaborará co concello de Bande na recuperación e posta en valor de terras con uso agrícola, gandeiro e forestal

Na xuntanza, á que tamén asistiu o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, tratouse o impulso á comercialización das producións do municipio, que abarcan dende a madeira ata o mel, pasando pola castaña ou a carne

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2018.- A Consellería do Medio Rural e o concello de Bande colaborarán no impulso á recuperación e posta en valor de terras con utilidade agrícola, gandeira e forestal para potenciar a xeración de riqueza e emprego neste municipio ourensán.

O alcalde de Bande, José Antonio Armada, reuniuse hoxe co conselleiro do Medio Rural, José González, e co director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, para abordar este e outros temas de interese para os veciños desta localidade ourensá.

Na xuntanza tratouse a potenciación das producións agrogandeiras e forestais do municipio, que abarcan dende a madeira ata o mel, pasando pola castaña ou a carne, especialmente no eido da súa comercialización relacionada coa marca “Xurés”. Todo isto tendo en conta a vinculación de Bande co parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés e o seu carácter de municipio marcadamente rural.

Na reunión barallouse tamén a posibilidade de organizar proximamente unha visita do conselleiro do Medio Rural a este concello e en xeral a toda a área sur-occidental da provincia ourensá, para coñecer sobre o terreo as súas potencialidades e impulsar as súas producións agrarias.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/01/2019