O conselleiro, Román Rodríguez, visitou esta mañá o templo sito en Lalín
A Xunta remata a rehabilitación integral da igrexa de Donramiro na que se investiron máis de 177.000 euros

A intervención permitiu cambiar a cuberta de ladrillo por unha nova de madeira para recuperar a imaxe orixinal do santuario, así como aplicar un tratamento fronte aos xilófagos ou restaurar a tribuna do coro entre outras tarefas

O titular do departamento autonómico cualificou estas obras como unha actuación ambiciosa nunha xoia do patrimonio arquitectónico de Deza
 

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, visitou hoxe o remate das obras de rehabilitación integral da igrexa de Santa María de Donramiro, en Lalín, nas que o departamento autonómico investiu 177.761,63 euros. Unha visita que foi seguida dunha misa oficiada polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, para inaugurar estes traballos patrimoniais.

Tal e como explicou o conselleiro, o obxectivo da intervención foi cambiar a cuberta por unha nova, recuperando así a imaxe orixinal do templo que se viu desvirtuada coa intervención realizada no século XX, cando se mudou a antiga cuberta de madeira da nave por unha bóveda de ladrillo. “Estamos a falar dunha actuación ambiciosa, que conseguiu poñer en valor esta xoia do patrimonio arquitectónico da comarca de Deza”, asegurou Román Rodríguez.

As intervencións consistiron na demolición da cuberta actual, incluída a bóveda de ladrillo do século pasado, e instalouse unha nova cuberta en madeira de castiñeiro, o que favorecerá a recuperación da imaxe orixinal da igrexa. Así mesmo, tamén se desmontaron as cubertas da cabeceira, aproveitando a estrutura de madeira que se atopaba en bo estado. O acabado é de tella curva sobre placas de fibrocemento gran onda.

Ademais, tamén tratouse a madeira fronte aos xilófagos, restaurouse a tribuna do coro reemplazando as táboas de piñeiro por outras de castiñeiro similares ás existentes, renovouse a instalación eléctrica, acometeuse o repicado de morteiros de cemento de muros e pavimento interior para a súa substitución por morteiro de cal, e se realizou unha drenaxe perimetral na zona da cabeceira.

Zona cunha antiga tradición
A igrexa de Santa María de Donramiro aséntase nunha zona con antiga tradición de ocupación humana. Existen vestixios de que a parroquia foi fundada polo rei godo Ramiro. Sen embargo, non foi ata a época medieval, en torno ao século VIII, cando se asentou o nome de Donramiro.

A actual igrexa de santa María de Donramiro é o resultado de diversas modificacións do templo orixinal románico. Cómpre destacar que durante o século XVII o edificio sufre unha ampliación alargándose a cabeceira, transformándose nunha igrexa de planta de cruz latina cun novo corpo de cruceiro na cuberta. Ademais, no século XX cambiouse a cuberta de madeira da nave por unha bóveda de ladrillo, o que provocou a elevación do cumio transformando negativamente tanto a imaxe exterior do templo como a interior.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2019