A Xunta destina 1M€ a impulsar a excelencia das prazas de abastos galegas

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, informou aos praceiros de Pontedeume da nova iniciativa que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, con apoios de ata 150.000 euros

Naquelas infraestruturas que conten xa co selo de Mercado Excelente apóianse actuacións como a habilitación de espazos infantís ou salas de lactancia, e a posta en marcha de servizos de reparto a domicilio ou de consignas frigoríficas

O programa tamén contempla axudas encamiñadas á obtención deste distintivo autonómico

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro
 

Pontedeume (A Coruña), 26 de marzo de 2019

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, informou hoxe aos praceiros de Pontedeume do novo programa para impulsar os Mercados Excelentes de Galicia, unha iniciativa que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina un millón de euros.

As axudas, en concorrencia non competitiva, poderán solicitarse ata o 30 de setembro. Os concellos que conten cunha praza co distintivo de Mercado Excelente outorgado pola Xunta poderán obter apoios de ata 150.000 euros e un 50% do investimento. Entre outras actuacións, potenciarase o acondicionamento das instalacións, con iniciativas encamiñadas á mellora da imaxe, a instalación de sistemas de climatización, de sistemas de illamento térmico e/ou acústico que reduza o impacto de ruídos, ou o establecemento de sistemas de recollida de auga.

Tamén se apoiará a creación e mellora de servizos para clientes, como a posta a disposición de carros da compra, a habilitación de espazos infantís ou salas de lactancia; o reparto a domicilio; a instalación de consigna frigorífica; ou o servizo de cociñado de produtos.

Entre as actuacións subvencionables tamén se atopa a instalación de pantallas de información, servizo automático de quenda, planos de situación do edificio, rede Wifi e implantación ou actualización de páxinas web dirixidas a mellorar a comercialización dos produtos que conten con tenda online e pasarela de pagamento.

A orde publicada hoxe no DOG tamén recolle apoios para mellorar a loxística e comercialización do produto, e para a creación ou mellora de aparcadoiros, para a conservación, mantemento, reposición e mellora das instalacións e dos equipamentos, e para a promoción e dinamización da praza de abastos e mercado. A Xunta financiará ademais actuacións formativas e de asesoramento dirixidas ao mentoring comercial, e os gastos das unidades xerenciais.

Ademais, nas prazas de abastos que non dispoñan do selo de Mercado Excelente os concellos poderán obter axudas de ata 7.000 euros para a diagnose de situación e usos do mercado realizada por unha empresa de consultoría especializada, e ata 40.000 euros para actuacións de preparación para a obtención do selo de Mercado Excelente.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/03/2019