A Xunta alíase coa asociación Acadar para publicar unha guía de violencia sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, recordou que Galicia é pioneira no recoñecemento da violencia e abusos sexuais como unha forma máis de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2019

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na presentación da guía Violencia sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade, unha ferramenta realizada coa colaboración da asociación Acadar que axudará a tomar maior conciencia sobre a violencia sexual sufrida por nenas e mulleres con discapacidade. A responsable de Igualdade explicou que supón un gran desafío a erradicación dos delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, especialmente naqueles grupos máis invisibilizados e vulnerables como é o caso das mulleres e nenas con discapacidade.

A violencia sexual exercida cara a mulleres e nenas con discapacidade, para López Abella, é unha das formas de violencia máis descoñecidas e invisibles. Por isto, en moitos casos a violencia se perpetúa no tempo ao normalizar estas situación polo descoñecemento. No mundo existen, explicou a secretaria xeral de Igualdade, máis de 250 millóns de mulleres con algún tipo de discapacidade e, segundo o Informe do Parlamento Europeo do 2004, as mulleres con discapacidade teñen un risco 4 veces maior de vivir violencia sexual.

A Xunta cree por tanto na necesidade de facilitar información e coñecemento para acadar a conciencia, a aceptación e a vivencia satisfactoria da propia sexualidade diferenciando e impedindo estes delitos. Coa publicación desta guía créase unha ferramenta que con seguridade axudará a tomar maior conciencia da posibilidade de sufrir violencia sexual por parte de nenas e mulleres con discapacidade, axudando así a previla, á vez que facilitará a detección destes feitos e ofrecerá pautas de actuación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/03/2019