A Xunta destaca a dixitalización como unha oportunidade para que o sector da xoiaría atraia clientela e incremente os seus servizos

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe na inauguración do II Congreso da Xoiaría Galega, no que se analiza a repercusión das novas tecnoloxías neste tipo de establecementos

Lembra que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 3,8 millóns de euros a un programa que contempla axudas para que o comercio de proximidade implante novas fórmulas de negocio, tanto en establecementos como na rede

Como novidade, promoverase a mellora da paisaxe das zonas comerciais, incentivando a homoxeneidade de deseño das fachadas de tres ou máis negocios

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2019

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, destacou hoxe na inauguración do II Congreso da Xoiaría Galega que a transformación dixital é unha oportunidade para que o comercio de proximidade galego atraia nova clientela e incremente os servizos que presta aos consumidores.

Neste sentido, lembrou que, tal e como se informou recentemente no Consello da Xunta, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vai activar nas próximas semanas unha convocatoria de apoios, dotada con 3,8 millóns de euros, para impulsar a dixitalización dos comercios, a mellora da imaxe tanto dixital como física dos locais, a expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, ademais de ferramentas que melloren o produto final.

Como novidade, destacou que se van tamén conceder axudas para actuacións conxuntas dun mínimo de tres establecementos comerciais contiguos para dotar de homoxeneidade estética da imaxe exterior dos comercios dunha mesma rúa comercial, promovendo así a mellora da paisaxe das zonas comerciais.

O II Congreso da Xoiaría Galega, organizado pola Federación Galega de Xoieiros e o Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, celébrase durante todo o día de hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), onde diferentes expertos están a poñer de relevo as repercusións das novas tecnoloxías no sector do comercio.

O Congreso conta ademais con outros tres bloques temáticos nos que se abordan temas como a ciberseguridade, os medios de pago ou a protección de datos, e outros aspectos máis específicos do sector da xoiaría.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/04/2019