Medio Ambiente ultima a licitación das obras de mellora e humanización nos concellos do Pino e Touro por un importe de 275.000 euros

Ambas actuacións son proxectos que se executan ao abeiro do Plan hUrbe, para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá ambos concellos, para manter unha reunión de traballo cos rexedores municipais na que repasaron os proxectos comprometidos pola Consellería

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a ultimar a licitación das obras de mellora e humanización nos concellos do Pino e Touro, que en conxunto suman case 275.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta información aos rexedores municipais de cada concello, cos que esta mañá mantivo unha reunión de traballo, na que tiveron a oportunidade de repasar os proxectos comprometidos polo departamento que dirixe Vázquez Mejuto. Recordou que se trata dunha colaboración interadministrativa, na que a Xunta aporta un 70% en cada caso e a porcentaxe restante é asumida por cada administración local; enmarcada dentro do Plan hUrbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e a garantir o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos.

O convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello do Pino ten por obxecto a instalación de catro illas de contedores soterrados, para facilitar a separación de residuos aos cidadáns. Esta medida responde á necesidade de facilitar equipamentos e servizos aos veciños, ao tempo que se evitan os impactos visuais que provocan este tipo de instalacións nas rúas que se ubican. Os traballos de implantación esixirán a demolición do pavimento, pero- unha vez instalados- reporase o pavimento e os servizos afectados durante a execución das obras.

O importe que fixa o convenio para realización desta actuación, que prevé un prazo de execución de seis meses, ascende a 215.000 euros, dos cales un 70% polo Goberno galego.

Evitar asolagamentos en Fonte Díaz

A actuación que se levará a cabo no Concello de Touro pretende evitar os asolagamentos que se producen na actualidade debido aos problemas de canalización que se rexistran na localidade de Fonte Díaz.

Asemade as obras obxecto deste convenio completarán outra actuación prevista na rúa Ramón Cabanillas e duplicará a canalización do rego do Portopego, co fin de solucionar as problemas de enchentes existentes e mellorando as condicións de drenaxe. Tamén se instalarán arquetas de acceso á canalización para as oportunas operacións de mantemento e rematarase coa reposición da pavimentación afectada no transcurso da obra. Asemade, darase continuidade ao itinerario peonil xa existente. O importe deste convenio ascende a preto de 60.000 euros.

A conselleira recordou que ambos proxectos que teñen un prazo de execución que non supera os seis meses.

Por último, recordou que ao abeiro do programa hUrbe xa se executaron 200 intervencións nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/04/2019