A directora da Amtega sinala que a transformación dixital permitirá á administración pública ofrecer uns servizos personalizados e proactivos

Mar Pereira participou hoxe en Madrid no Digital Enterprise Show 2019, un foro internacional que aborda as tendencias e os desafíos da economía dixital

Interveu nun panel no que se abordaron os retos das Comunidades Autónomas na dixitalización das Administracións Públicas

Destacou que Galicia segue unha estratexia, planificada e cun orzamento asignado que serviu para investir en plataformas e infraestruturas tecnolóxicas, ciberseguridade e capacitación dixital para avanzar neste camiño

Sostivo que estes proxectos deben ser transversais, desenvolverse nun modelo de cooperación interadministrativa e ir acompañados do marco xurídico adecuado

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019

Pasar dunha Administración reactiva e xeneralista a uns servizos públicos proactivos e personalizados é un dos obxectivos principais do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, que está a desenvolver a Xunta de Galicia. Así o destacou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, durante a súa intervención esta mañá no Digital Enterprise Show (DES) 2019, que se está a celebrar en Madrid.

A directora da Amtega participou, xunto con responsables das Comunidades de Madrid, Andalucía, Valencia e Cataluña, no Panel "Digital First. Innovación 4.0 e dixitalización nas Administracións públicas” no que abordaron os principais desafíos autonómicos no desenvolvemento das estratexias de transformación dixital e expuxeron os plans en marcha e obxectivos das súas comunidades neste ámbito.

Mar Pereira sinalou que para acadar a transformación dixital son precisos, tanto liderado político, como capacidade executiva para desenvolver un proxecto que teña impacto transversal na organización, ademais de orzamento e tempo.

O caso galego

Neste sentido, Galicia leva traballando desde 2010 na dixitalización da Administración cunha estratexia planificada, primeiro o Plan de Modernización da Administración e agora o Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, que cunhas medidas definidas permitiron investir en plataformas e infraestruturas tecnolóxicas, medidas de seguridade e capacitación dixital, tanto dentro como fóra da Administración para evitar a fenda dixital.
A directora da Axencia afondou na necesidade de que todas estas medidas vaian acompañadas do marco xurídico adecuado e lembrou que en Galicia está en trámite parlamentario o Proxecto de Lei de Administración Dixital, que busca acadar un marco normativo único para consolidar unha administración integramente dixital, máis accesible e proactiva.


Por último, a directora da Amtega destacou a importancia da cooperación interinstitucional en todo este proceso para facilitar un modelo conxunto de servicios que facilite a reutilización e a interoperabilidade entre administracións. A Xunta de Galicia ten a disposición dos concellos e deputacións unha carteira de servizos dixitais para facilitar a incorporación das entidades municipais, especialmente das máis pequenas, á transformación dixital.

Digital Entreprise Show (DES) 2019

O DES é un evento internacional para directivos sobre dixitalización, que celebra este ano a súa cuarta edición. O certame, que se consolida como o maior foro profesional europeo sobre transformación dixital, reúne en Madrid entre hoxe e o día 23 de maio, a máis de 20.000 profesionais de todo o mundo para coñecer as tecnoloxías que están a impulsar a competitividade e novos modelos de negocio para empresas.
 

Data de actualización: 21/05/2019