Galicia posiciónase no impulso ao 5G co desenvolvemento de 18 pilotos baseados nesta tecnoloxía

Realizaranse nas sete principais cidades galegas en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios

A directora da Amtega clausurou hoxe a XXIV Noite das Telecomunicacións, baixo o lema “A Converxencia tecnolóxica 5G”

A Axencia puxo en marcha en xullo de 2018 o Plan Galicia 5 G, complementario ás medidas europeas e estatais

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2018

Galicia desenvolveranse un total de 18 casos de uso e pilotos de 5G nas sete principais cidades galegas en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios, entre outras. Estas iniciativas dan resposta aos requirimentos de Europa aos Estados membros de realizar “casos de uso”, é dicir escenarios nos que se probe e pilote esta tecnoloxía, como paso previo á súa extensión.

Así o explicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na clausura da XXIV Noite das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que organizan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

No marco do Nodo 5G ao que están adheridos Vodafone, Telefónica, Orange e a Universidade de Vigo, vanse a realizar 9 casos de uso baseados en tecnoloxía 5G, cun investimento total de 2 millóns de euros.

A estas iniciativas hai que sumar outras 9 subvencionadas por Red.es a Telefónica para desenvolver tamén na Comunidade, e que suporán un investimento público privado de 11,5 millóns de euros en pilotos.

Plan Galicia 5G

A Amtega puxo en marcha en xullo de 2018 o Plan Galicia 5 G, complementario ás medidas europeas e estatais, cun dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5 G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesaria para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía localícese na Comunidade.

Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por Orange, Vodafone e Telefónica. Outra das medidas do Plan é a relacionada coa formación. Galicia contará a partir de setembro co primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas a adhesión da Universidade de Vigo ao Nodo de Cooperación 5G, a través dun convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Amtega, a Universidade de Vigo e Retegal.

Estratexia Dixital de Galicia 2030

A directora da Amtega destacou que, ademais do 5G o Goberno galego quere aproveitar as tecnoloxías dixitais como a intelixencia artificial, a Internet das cousas, a intelixencia do dato ou a ciberseguridade... para conseguir uns sectores produtivos máis competitivos que poidan facer fronte aos desafíos da globalización; ofrecer solucións as necesidades derivadas do reto demográfico; contribuír a un desenvolvemento máis sostible que protexa o medio ambiente; fomentar a capacitación dixital das persoas para que poidan facer fronte aos retos laborais e sociais derivados da transformación dixital.

Con este obxectivo vense de aprobar o proceso de lanzamento da Estratexia Dixital de Galicia 2030. Con esta nova folla de ruta para a vindeira década o Goberno galego reafirma o compromiso e aposta polo tecnoloxía adquirido en 2009, e que se foi renovando e reforzando cos diferentes obxectivos marcados nas dúas Axendas Dixitais de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/05/2019