A conselleira de Política Social clausurou a gala que se celebrou esta tarde no Teatro Colón da Coruña
Fabiola García gaba o labor e a traxectoria dos seis galardoados nos Premios Solidarios ONCE Galicia 2019

Destaca o traballo conxunto de entidades sociais, empresas e administracións públicas para que todas as galegas e galegos conten coa axuda e o apoio necesario para vivir a súa vida como escollan con plena liberdade

A Coruña, 11 de xuño de 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García, gabou o labor e a traxectoria dos seis galardoados nos Premios Solidarios ONCE Galicia 2019. Fíxoo hoxe na clausura da gala no que entregaron estes premios que recoñecen o papel solidario que realizan na súa contorna persoas, entidades e empresas.

Fabiola García deu as grazas tanto aos premiados como ás demais persoas e organizacións candidatas aos galardóns polo importante apoio que prestan á sociedade. Un traballo que, realizado en colaboración coa Xunta de Galicia, se desenvolve co firme obxectivo de que todas as galegas e galegos conten coa axuda e o apoio necesario para vivir a súa vida como escollan con plena liberdade.

Así mesmo, a conselleira indicou que para garantir a autonomía e a integración das persoas que o necesitan, é preciso contar cun tecido social plenamente implicado para facer que Galicia sexa cada día unha comunidade máis inclusiva. Un feito que non sería posible sen o traballo das Administracións públicas, o das entidades do terceiro sector e tamén o das empresas.

Neste sentido, puxo como exemplo a dedicación e o esforzo que realiza a ONCE a diario para a plena integración das persoas con discapacidade. Resaltou os máis de 70.000 afiliados que posúe, así como as oito décadas de traballo para avanzar cara a unha sociedade mellor.

Premiados

Os premiados nesta edición foron: o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, na categoría de institución, ONG ou entidade; a película Máis ca vida e o documental Vida, ambos traballos de Rubén Riós, no premio ao traballo de medios de comunicación; María Elena Viturro, na categoría de persoa física; CLUN-Cooperativas Lácteas Unidas, na de empresa economía social; a Organización Nacional de Transplantes (ONT) e a Axencia Galega de Doazóns de Órganos e Sangue (Ados), premiadas na modalidade administración pública.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/06/2019