Medio Ambiente axudará a 30 entidades locais a implantar puntos limpos móbiles e o quinto contedor nos seus municipios

A conselleira Ángeles Vázquez anuncia que o seu departamento vén de resolver a orde de subvencións convocada o pasado febreiro e en virtude da cal repartirá máis de 820.000 euros co fin de mellorar a xestión municipal dos residuos urbanos

A meirande parte dos beneficiarios, un total de 24 administracións municipais, recibirán apoio económico para dotarse dun punto móbil para a recollida e clasificación de certos residuos, mentres que outras seis entidades destinarán a axuda a distintas medidas para avanzar na recollida separada da fracción orgánica

A Laracha (A Coruña), 10 de xullo de 2019-

Unha trintena de entidades locais galegas recibirán este ano 824.195 euros en axudas para a instalación de puntos limpos móbiles nos seus municipios e promover medidas destinadas á implantación da recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos urbanos. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao punto limpo de A Laracha (A Coruña), un dos concellos que resultaron beneficiarios da orde de axudas convocada o pasado febreiro e que percibirá preto de 40.000 euros en virtude da mesma.

Con esta liña de axudas, a primeira que contempla expresamente entre os seus obxectivos a implantación de puntos limpos móbiles, búscase favorecer e apoiar aos concellos e entidades supramunicipais no desenvolvemento das súas competencias en materia de xestión de residuos.

Neste sentido, as entidades beneficiarias solicitaron acollerse a unha das dúas liñas de actuación subvencionables: a adopción de medidas para implantar a recollida separada da fracción orgánica que forma parte dos residuos domésticos ou a implantación de puntos limpos móbiles dotados de diferentes compartimentos.

En canto á primeira, a conselleira explicou que grazas a estas axudas, as entidades beneficiarias poderán dotarse de contedores de proximidade de cor marrón (o chamado quinto contedor) e dos equipamentos necesarios para a súa instalación. A Laracha foi unha das seis entidades locais ás que se lles concedeu esta liña de subvención, á que en total se destinou un investimento de 177.148 euros.

Polo que respecta á implantación de puntos limpos móbiles, Ángeles Vázquez subliñou que 24 administracións de carácter municipal e supramunicipal beneficiaranse das axudas para levar a cabo este tipo de proxectos, cun investimento neste capítulo de 647.000 euros. Neste sentido, explicou que grazas a este tipo de instalacións propiciarase a mellora e a ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos de Galicia (composta actualmente por 147 infraestruturas fixas) para a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.

En ambas liñas, os beneficiarios deberán acompañar a implantación de medidas prácticas con campañas de difusión e sensibilización que incentiven a participación cidadá e a súa concienciación en materia de separación de residuos e reciclaxe.

Apoio para adaptarse ás esixencias da UE

Por todo isto, Vázquez Mejuto salientou a importancia dunha orde de axudas a través da cal o seu departamento brindará apoio económico ás Administracións locais interesadas para que poidan dotarse de ferramentas efectivas coas que alcanzar un modelo de xestión dos residuos urbanos adaptados ás esixencias europeas e estatais.

Así, lembrou que segundo a directiva comunitaria que regula esta materia, a recollida separada da fracción orgánica do lixo doméstico deberá estar implantada desde o 31 de decembro do próximo ano, no caso dos concellos de máis de 5.000 habitantes, e para todos, antes do 31 de decembro de 2023.

Reducir o peso que ten na actualidade a fracción orgánica sobre o conxunto dos residuos que se xeran en Galicia –aproximadamente un 42% do total- é un dos grandes obxectivos que se marca a Xunta para poder cumprir cos mandatos europeos e estatais en materia de xestión de residuos.

Neste contexto enmárcanse todas as iniciativas e campañas impulsadas nos últimos anos desde a Consellería de Medio Ambiente co fin de colaborar cos concellos e apoialos na implantación progresiva de sistemas para a recollida selectiva e o posterior tratamento da fracción orgánica dos residuos domésticos.

Na seguinte táboa indícanse os beneficiarios das axudas, tanto para a implantación de puntos limpos móbiles, así como para proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

 

Implantación de puntos limpos móbiles

Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro (Servizo aos concellos de Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro)

Concello de Carballeda de Avia

Concello de Vilaboa

Mancomunidade Terra de Celanova (Servizo aos concellos de Celanova, a Merca, Verea, Quintela de Leirado, Gomesende, Pontevedra, Ramirás e Cartelle)

Deputación Provincial de Ourense

Agrupación Voluntaria de Monterrei Cualedro

Concello de Barreiros

Concello de Pobra do Broullón

Concello de Portomarín

Concello de Santa Comba

Concello de Vimianzo
Concello de Vilardevós
Concello de Cambados
Concello de Soutomaior

Consorcio das Mariñas (Servizo aos concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada)

Concello de Tomiño
Agrupación Voluntaria de Vilasantar- Boimorto
Concello de Vilar de Santos
Concello da Mezquita
Concello de Rianxo
Concello de Porto do Son
Concello de Mondariz Balneario
Concello de Sanxenxo
Concello de Ribadumia

Nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais

Concello de Vimianzo
Deputación Provincial de Ourense
Concello de Xermade
Concello de Outeiro de Rei
Concello da Laracha
Concello de Carballo


 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/07/2019