O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agrolimentarias visitou a granxa de porcino Sueiro, en Agolada, que recibiu un dos premios Porc d'OR pola súa excelencia
A Xunta destaca a aposta polo benestar animal como medio para manter a boa posición de Galicia na produción agropecuaria

José Balseiros puxo en valor as medidas impulsadas pola Consellería do Medio Rural xunto co sector para ordenar e fomentar estas producións e para potenciar a súa promoción nos mercados e consolidar o seu prestixio entre os consumidores

Agolada (Pontevedra), 20 de xullo de 2019

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou a Granxa Sueiro, unha explotación de porcino situada no concello de Agolada, co obxectivo principal de felicitar aos seus propietarios por ter recibido o Premio Porc d’OR Especial á Sanidade, Benestar Animal e Medio Ambiente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

O responsable de Gandaría da Consellería do Medio Rural trasladou os seus parabéns en nome da Xunta aos titulares da granxa e coñeceu as súas instalacións, que albergan 2.300 nais e que constitúen un referente en medidas de bioseguridade e benestar animal, motivo polo que foron recoñecidas con este prestixioso galardón.

Na súa visita, o director xeral destacou que este compromiso pola calidade e mesmo pola excelencia na xestión das explotacións é o camiño polo que transitar, para manter a destacada posición do porcino galego en particular e de toda a nosa produción agropecuaria en xeral.

Neste sentido, José Balseiros puxo en valor as medidas impulsadas dende Medio Rural en colaboración co sector para ordenar e fomentar estas producións cárnicas, así como para potenciar a súa promoción nos diferentes mercados, co fin de consolidar o seu prestixio entre os consumidores. Un prestixio que –dixo– ten moito que ver coa especial atención que se lle presta a aspectos como o benestar animal, a sanidade ou o medio ambiente.

Este compromiso ponse de manifesto con medidas como a non castración dos leitóns, aos que tampouco se lles corta o rabo nin os caninos. Ademais, os animais dispoñen de espazos abertos e diáfanos con sistemas de alimentación personalizados. Por último, o director xeral salientou a traxectoria desta granxa, que comezou a funcionar en 2001 e da que actualmente saen uns 60.000 leitóns cada ano, con destino a cebadeiros de toda Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/07/2019