Os establecementos vigueses Mkkdes e Coclub reciben os premios da iniciativa Comercio con Talento

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe os diplomas aos negocios, galardoados a proposta de dúas alumnas do Colexio Mendiño

Neste certame os estudantes deben elaborar un proxecto sobre unha tenda da súa zona que destaque pola súa calidade, que logo é avaliada por un xurado experto

A Xunta busca así facilitar o contacto do alumnado de ciclos relacionados co comercio coa realidade do sector, complementando a súa formación e permitindo aumentar o seu coñecemento das novas tendencias do mercado

Vigo, 22 de xullo de 2019

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe aos establecementos vigueses Mkkdes e Co club dous dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa coa que a Xunta pretende impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado de formación profesional. Con esta acción, na que participou estudantado de ciclos formativos relacionados co comercio de toda Galicia, búscase impulsar a participación e o contacto dos estudantes coa realidade do sector, complementando a súa formación; potenciar a innovación, o emprendemento e a incorporación do talento á actividade comercial de proximidade, así como ás pemes deste sector; e incrementar o coñecemento das novas tendencias do comercio, especialmente das novas tecnoloxías.

Para participar no concurso, o alumnado estudou o comercio da súa comarca para, finalmente, seleccionar un negocio de acordo a criterios como o espazo físico, a xestión, o produto ou a atención ao cliente. Posteriormente, os participantes elaboraron un proxecto sobre o comercio elixido. Un xurado especializado escolleu os nove comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de cinco para ser escollidos no Facebook do Portal do Comerciante, polo que un dos 10 premios decídese polo número de “me gusta” recibidos. Os autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad wifi 32GB.

No caso de Mkkdes, elixida a proposta de Xiana Giráldez, do Colexio Mendiño, foi creada en 2011 como unha tenda en liña, ata que en 2013 decidiron establecer o seu primeiro comercio en Vigo. A alumna destaca a atención ao cliente, a presenza nas redes sociais ou os servizos de personalización da roupa.

Co club, proposto por Iris Martínez, tamén do Colexio Mendiño, xestiona o intercambio de roupa usada, tanto na súa tenda física como a través de internet e das redes sociais, promovendo así a reutilización e o consumo responsable.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/07/2019