A iniciativa da Xunta 'Comercio con talento' premia o establecemento lucense Zoco Deco

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe o diploma ao negocio, galardoado a proposta de dúas alumnas do CIFP As Mercedes

Neste certame os estudantes deben elaborar un proxecto sobre unha tenda da súa zona que destaque pola súa calidade, que logo é avaliada por un xurado experto

A Xunta busca así facilitar o contacto do alumnado de ciclos relacionados co comercio coa realidade do sector, complementando a súa formación e permitindo aumentar o seu coñecemento das novas tendencias do mercado

Lugo, 29 de xullo de 2019

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañado polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, entregou hoxe ao establecemento lucense Zoco Deco un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa coa que a Xunta pretende impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado de formación profesional. Con esta acción, na que participou estudantado de ciclos formativos relacionados co comercio de toda Galicia, búscase impulsar a participación e o contacto dos estudantes coa realidade do sector, complementando a súa formación; potenciar a innovación, o emprendemento e a incorporación do talento á actividade comercial de proximidade, así como ás pemes deste sector; e incrementar o coñecemento das novas tendencias do comercio, especialmente das novas tecnoloxías.

Para participar no concurso, o alumnado estudou o comercio da súa comarca para, finalmente, seleccionar un negocio de acordo a criterios como o espazo físico, a xestión, o produto ou a atención ao cliente. Posteriormente, os participantes elaboraron un proxecto sobre o comercio elixido. Un xurado especializado escolleu os nove comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de cinco para ser escollidos no Facebook do Portal do Comerciante, polo que un dos 10 premios decídese polo número de “me gusta” recibidos. Os autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad wifi 32GB.

No caso do establecemento de artesanía e decoración Zoco Deco, as alumnas do CIFP As Mercedes María Armiño e Paula Vergara destacan, entre outros aspectos, a coidada selección e presentación dos produtos, e a aposta pola dixitalización e a venda a través de internet.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/07/2019