Nove empresas e autónomos da comarca de Santiago terán acceso a internet de ata 600Mpbs grazas ao Plan de Banda larga da Xunta

A Amtega ven de adxudicar máis de 360.000 euros para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas a 25 empresas e autónomos de zonas illadas da provincia da Coruña

Arzúa ( A Coruña), 1 de agosto de 2019

O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá, a empresa Estación de Servizo J.R Vilariño, unha das empresas beneficiadas polas axudas da última convocatoria para dotar de banda larga ultrarrápida ás empresas illadas, da que se beneficiaron un total de 25 empresas da provincia da Coruña de 17 concellos distintos.

Este plan subvenciona entre o 70 % e 100 % dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 € por proxecto. O custo mínimo do proxecto será de 2.000 €. Cun importe total de máis de 360.000 euros na provincia a Axencia autonómica apoia económicamente para que as empresas teñan acceso a redes de entre 30 e 600Mbps.

Ovidio Rodeiro destacou que concretamente na comarca de Santiago beneficiáronse destas achegas 9 empresas dos concellos de Melide, Arzúa, O Pino, Val do Dudra, Frades e Toques. Estas axudas, que ascenden nesta área a 135.000 euros, están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Máis de 130 polígonos con máis de 100Mbps

A primeira medida deste Plan foi a mellora da conectividade nos polígonos industriais. En colaboración co operador R facilitouse a cobertura de redes de 350Mbps a 81 que albergan a máis de 1.750 empresas en Galicia. Para conseguilo instaláronse un total de 55 centrais de cabeceira de fibra óptica que permiten, non só atender aos polígonos, senón tamén estender estes servizos de banda larga ultrarrápida ás poboacións próximas a estas centrais.

Estes 81 polígonos cubertos, sumados aos que xa dispoñían de cobertura ou foron cubertos polos operadores, fan un total de 131 polígonos con acceso a redes de máis de 100 Mbps, que concentran o 93% da superficie empresarial ocupada.

Estas actuacións contribúen a eliminar a barreira existente á hora de contratar servizos axeitados de alta velocidade por parte das empresas e autónomos situados en zonas illadas que non dispoñen desta cobertura. Nos últimos catro anos incrementáronse en máis dun 72% as contratacións de servizos de máis de 30Mbps entre as pemes e as grandes empresas galegas

A mellora da conectividade do tecido empresarial é unha das liñas de actuación do Plan de Banda Larga 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). En catro anos as medidas do Plan posibilitaron o acceso a redes de ata 600Mbps a máis de 1.750 empresas de 81 polígonos industriais e outras máis de 80 situadas fora destas áreas.

O Plan de Banda larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta e asume os obxectivos de Europa, complementando as actuacións do Estado. A Axenda Dixital para Europa establece o deber de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30 Mbps para a totalidade da poboación.

 

COMARCA

CONCELLO
DE INSTALACIÓN

SUBVENCIÓN

SANTIAGO
DE COMPOSTELA

1 axuda Melide
7.781 €
2 axudas Arzúa
22.980 €
1 axuda Pino (O)
17.132€
1 axuda Val do Dubra
17.132 €
1 axuda Toques
18.918 €
3 axudas Frades
51.703 €
TOTAL SANTIAGO DE COMPOSTELA
135.646€
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/08/2019