A Secretaría Xeral da Emigración colabora, a través da súa web, na busca de familiares do cantante cubano galego Antonio Machín en Galicia

Descendentes do irmá do famoso artista, fillo dun emigrante ourensán, intentan localizar o lugar de nacemento e achegados ao músico

O departamento autonómico que dirixe Antonio Rodríguez Miranda conta cun convenio coas diferentes diócesis galegas para procurar partidas de nacemento e outros documentos oficiais para emigrantes e descendentes

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2019

A Secretaría Xeral da Emigración está a colaborar na busca de familiares do famoso cantante cubano galego Antonio Machín. A procura, emprendida desde os Estados Unidos por un familiar do artista, ten como finalidade atopar tanto parentes como o propio lugar de nacemento do pai do músico, Juan José Lugo Padín, ourensán emigrado a Cuba, en 1873. Alí, o pai do que sería unha das referencias mundiais do bolero, Antonio Abad Lugo Machín, coñeceu á que sería a súa muller, Leoncia Machín, coa que tería quince fillos, entre eles o cantante e o seu irmán Juan Lugo Machín.

Este último, avó de Alfonso Lugus de León, quen agora quere despexar as incógnitas das súas raíces galegas, seguiu os pasos do seu irmán en 1928, cando viaxou a España para exercer as súas labores como fontaneiro no pavillón de Cuba da Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929. No noso país formou a súa familia, que se enraizou en Andalucía.

Alfonso Lugus de León mudou aos Estados Unidos con 18 anos, desde onde se puxo en contacto co servizo da web da Secretaría Xeral da Emigración, GaliciaAberta, para atopar información sobre as súas orixes.

Case 4.000 partidas de nacemento atopadas

O departamento autonómico, dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, conta, ademais, cun programa que facilita os descendentes de emigrantes galegos espallados polo mundo localizar as actas de nacemento dos seus antecesores nados en Galicia, documento imprescindible en moitos casos para obter, por exemplo, a nacionalidade española. Este servizo é posible grazas ao convenio que mantén coas cinco diócesis que hai en Galicia. Os interesados deben facilitar o nome completo, a diócese e o ano de nacemento do seu familiar para poder realizar a busca.

Desde a súa posta en marcha este servizo ten permitido a localización e emisión de máis de 4.000 partidas de nacemento de emigrantes galegos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/08/2019