Montederramo acolle a presentación dun volume sobre o seu mosteiro esencial para o coñecemento do galego medieval

O secretario xeral de Política Lingüística e a delegada territorial da Xunta en Ourense participaron na presentación deste volume esencial para o coñecemento do galego medieval do filólogo Ramón Lorenzo

Montederramo (Ourense), 17 de setembro de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participaron este serán, no mosteiro ourensán de Montederramo, na presentación do volume Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices, da autoría do profesor Ramón Lorenzo. O libro é froito de décadas de traballo do investigador e filólogo, así como da colaboración da Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega (CCG), unidos para dar ao prelo este traballo esencial para o coñecemento do galego medieval.

Valentín García saudou “con enorme satisfacción a publicación desta obra autenticamente monumental, que é a culminación de 40 anos de rigorosidade intelectual e de traballo constante a prol da lingua de Galicia desde o ámbito dos estudos medievais, nos que Ramón Lorenzo, sen dúbida, creou escola”. “O insigne profesor ¬–engadiu o secretario xeral– agasállanos hoxe cunha colección de case 2000 documentos que é toda unha regalía para os estudosos da nosa historia e da nosa lingua, unha fonte fundamental para ampliar o coñecemento sobre o que fomos e o que somos hoxe os galegos e as galegas”.

“Con esta publicación remata un labor de décadas dedicadas a editar con primor filolóxico e dispoñibilizar para toda a comunidade a colección de documentos de Santa María de Montederramo, realmente monumental. Para a colección e para o CCG é unha honra que se ocupase dela un filólogo do talle indiscutible de Ramón Lorenzo. Trátase dunha colección dunha riqueza extraordinaria polo seu número e unha crónica de vida da época nunha ampla área de influencia”, sinalou Rosario Álvarez, presidenta do CCG.

Canda eles, participaron na presentación Ramón Lorenzo, autor do volume; Antonio Rodríguez, alcalde de Montederramo; Xosé Luís Regueira, director do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago, e Andrés Rodríguez, párroco de Santa María de Montederramo. Tras as intervencións, tivo lugar unha actuación musical do grupo Manseliña, que interpretou varias pezas dos séculos XIII e XIV.

‘Gallaeciae Monumenta Historica’

A obra, en soporte mixto papel-CD, contén a edición de toda a colección documental do mosteiro de Santa María de Montederramo, desde o primeiro texto que se conserva (de 1124) ata os últimos escritos en pergamiño no século XVI (1560), ata completar un total de 1880 documentos, seguidos de dous longos apéndices que conteñen dúas cartas executorias de 1520 e 1606 que reproducen moitos dos textos anteriores. O volume inclúe ademais un índice antroponímico, outro toponímico e unha extensa introdución na que figuran notas de carácter histórico, as normas de transcrición e consideracións sobre características ortográficas e lingüísticas.

Edítase no marco do proxecto Gallaeciae Monumenta Historica, un repositorio de documentación histórica desenvolvido e promovido polo CCG coa participación e colaboración de institucións coma a Deputación de Ourense, o Centro Ramón Piñeiro (Xunta de Galicia), o ILG, a Real Academia Galega e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/09/2019