O conselleiro desprazouse ata este concello ourensán para reunirse cos veciños e informalos desta iniciativa
Carballeda de Avia súmase ao proxecto de aldeas modelo da Xunta para protexer o núcleo de Muimenta dos lumes

Unha trintena de concellos galegos están interesados en establecer este sistema no seu municipio porque lles permite limpar as franxas próximas ás vivendas a través do sistema público de xestión de biomasa nunha contorna non priorizada

Deste xeito impúlsase actividade agrogandeira nestes terreos á vez que actúan como devasa natural fronte o lume

Carballeda de Avia (Ourense), 22 de setembro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, desprazouse hoxe ao concello ourensán de Carballeda de Avia para falar cos veciños do núcleo de Muimenta, que queren establecer unha aldea modelo no seu pobo. Así, o propio titular de Medio Rural informounos dos beneficios desta figura e aclaroulles as súas dúbidas. No encontro, o titular de Medio Rural destacou que a posta en marcha desta iniciativa suporá unha protección das súas vivendas fronte a un posible lume, ao mesmo tempo que se crea actividade económica na contorna.

Segundo explicou o conselleiro, existe un gran interese entre os alcaldes por esta figura, e proba diso é que hai case 30 concellos interesados en sacar adiante aldeas modelo no seu municipio. Isto é así porque o convenio de protección das aldeas permítelle aos concellos adheridos que non teñen parroquias priorizadas este ano (a priorización é anual), que se limpe igualmente un núcleo de poboación a través do sistema público de xestión de biomasa.

A cambio, sinalou José González, os veciños deben estar de acordo e poñer as súas parcelas a disposición durante un mínimo de cinco anos, sen perder a propiedade, para crear nelas actividade agrícola ou gandeira. Así, explicou o conselleiro, non será preciso rozar cada ano, xa que se creará unha devasa natural fronte o lume. Neste caso, na aldea de Muimenta limparíanse entre 15 e 20 hectáreas para anticiparse aos lumes e protexer os veciños e os seus bens.

Máis de 230 concellos

O conselleiro do Medio Rural fixo balance do convenio de protección das aldeas e sinalou que a día de hoxe xa hai arredor de 230 concellos que solicitaron sumarse a el. Na provincia de Ourense máis do 84% dos concellos (ata 78 municipios) están adheridos a este acordo, que, segundo explicou José González, suporá un antes e un despois no que se refire á prevención e á protección das aldeas galegas fronte os lumes forestais.

O titular de Medio Rural, lembrou tamén que o compromiso da Xunta de Galicia, adquirido a través deste convenio, é que todos os terreos incluídos nas faixas secundarias das parroquias priorizadas estean limpos este ano. Trátase dunhas 4.500 hectáreas pertencentes ás faixas secundarias das 70 parroquias priorizadas en 35 concellos.

Neste sentido, o conselleiro lembrou ademais que xa se enviaron as primeiras notificacións aos concellos para que estes as remitan aos propietarios de 14.000 parcelas en parroquias priorizadas. Así, José González indicou que, desta forma, comunícaselles aos titulares destes terreos que non limparon de xeito voluntario nin asinaron os contratos de xestión da biomasa, teñen un prazo de 15 días para proceder a xestionar debidamente a maleza neles. Se non o fan, a partir dese período poderán iniciarse, en calquera momento, as accións subsidiarias correspondentes. Neste senso, o titular de Medio Rural asegurou que antes de que remate o mes de setembro serán case 30.000 as parcelas notificadas

Finalmente, o conselleiro insistiu en que o fin último que se persegue é que, en caso de lume, os bens e os propios veciños estean protexidos. Neste sentido advertiu que se percibe un cambio de actitude, xa que os particulares están máis implicados porque saben da importancia de que as súas parcelas estean limpas.

O obxecto principal de todas estas actuacións, segundo trasladou José González, é fomentar unha axeitada ordenación do territorio, para reforzar a súa defensa fronte os incendios e, ao tempo, crear tamén nel actividade agrogandeira e darlle así valor engadido “para xerar futuro”, sentenciou.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 22/09/2019