A Xunta premia aos empregados públicos que achegan unha perspectiva innovadora para mellorar o servizo á cidadanía

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou na entrega dos galardóns que “debemos de sentirnos orgullosos de profesionais que saiban ver máis alá dunha solución convencional”

No acto participaron tamén os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Medio Rural, José González

Resultaron premiados proxectos centrados no uso de coches compartidos na Administración autonómica; na utilización de impresión 3D no Laboratorio de Consumo e un sistema de mellora de procesos e fluxos administrativos da Universidade de Santiago de Compostela
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na entrega da primeira edición dos Premios aos Empregados Públicos Innovadores que os galegos deben sentirse orgullosos de contar con profesionais no sector público que “saben ver máis alá dunha solución convencional, e ofrecen unha perspectiva práctica e innovadora”. No acto, no que tamén participaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Medio Rural, José González, Conde sinalou que “a innovación achega á Administración ao obxectivo de estar sempre ao servizo da cidadanía”.

Os Premios aos Empregados Públicos Innovadores, impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), son unha das actuacións específicas recollidas no Programa integral de impulso da Compra Pública de Innovación (Programa Innpulsa CPI), co que se busca consolidar Galicia como un referente neste instrumento que fomenta a innovación a través da contratación por parte da Administración de novas solucións e produtos.

A convocatoria establecía dúas categorías. Na categoría de identificación de oportunidades, onde se debía detallar e definir unha problemática, así como o interese que tería a resolución da mesma, os gañadores conseguen un asesoramento personalizado no que se identificarán fontes de financiamento a nivel europeo e nacional, e se elaborará o material necesario para a solicitude de financiamento. Neste apartado resultaron galardoados Antonio Ramón de Arcos Rey, do Instituto de Estudos do Territorio, e Santiago González Otero, de Augas de Galicia, cun proxecto para a sensorización dos vehículos da Xunta, que permitiría que o persoal puidese compartir coche nos desprazamentos a outras dependencias da Xunta, ao tempo que serviría para o servizo de valixa entre rexistros.

Por outra banda, na categoría de proxectos innovadores, na que se recoñecen iniciativas xa realizadas ou en curso, existen dúas subcategorías: a temática máis innovadora e a mellor actitude innovadora. Para ambos os dous aspectos recoñecidos, optan a unha visita a un laboratorio de innovación internacional, e a participación nun curso personalizado en innovación.

Así, no tocante á temática máis innovadora, os gañadores son o equipo do Laboratorio de Consumo de Galicia formado por Natalia Crespo, Pedro Mosquera, Jorge Sequeiros, Juana Pereiro e Miguel Montemuiño, cun traballo baseado na utilización de pezas mediante impresión 3D para facer exercicios de comparación das súas análises con outros laboratorios internacionais.

No apartado de mellor actitude innovadora, gañaron José Ramón Basante, Arturo Clavero e Jacobo M. González, da Universidade de Santiago de Compostela. O seu proxecto, Xustiecoweb, é un sistema de mellora dos procesos e fluxos administrativos.

Con este certame foméntase a compra pública innovadora (CPI), unha ferramenta na que a Xunta é pioneira na súa utilización e que permite a mellora dos servizos que se prestan á cidadanía ao tempo que se estimula a competitividade empresarial.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/10/2019