Galicia acolle por primeira vez o Foro Autonómico Gartner, que reúne no Gaiás aos responsables TIC de oito comunidades autónomas

Abordan os retos da transformación dixital de cara a vindeira década da man desta consultora tecnolóxica internacional

A directora da Amtega abriu o encontro, ao que asisten os seus homógolos de Madrid, País Vasco, Navarra, Andalucía, Cataluña, Extremadura e Castilla-La Mancha

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2019

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, abriu esta mañá o IV Foro Autonómico TIC de Gartner, o primeiro que se celebra en Galicia. No encontro, no que participan os responsables da área de transformación tecnolóxica doutras sete comunidades autónomas, abordaranse os retos das administracións públicas para impulsar a transformación dixital no seus territorios de cara a vindeira década.

A responsable da Amtega expuxo no Foro a traxectoria do actual Goberno galego na dixitalización da Comunidade e avanzou as liñas da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030, que fai foco no posicionamento do ecosistema dixital galego nas tecnoloxías disruptivas. En liña coas directrices da Unión Europea, o Goberno autonómico apostará na nova folla de ruta polo 5G, a Intelixencia Artificial, o Big Data ou a Ciberseguridade.

Os analistas de Gartner abordaron aspectos chave para as Administracións públicas como as estratexias para incluír as TIC na axenda política, os modelos de financiamento para a transformación dixital ou a evolución das infraestruturas tecnolóxicas para dar resposta ás demandas futuras derivadas da dixitalización.

A Amtega formalizou este ano un acordo con Gartner para compartir co sector tecnolóxico o coñecemento de expertos internacional de primeiro nivel en transformación dixital. A multinacional americana, referente para a toma de decisión en estratexias de investimento en tecnoloxía, tanto para empresas como para Administracións, está a colaborar coa Axencia autonómica na elaboración da Estratexia dixital galega 2030.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2019