A Xunta e a Deputación de Pontevedra poñen en valor o Camiño Portugués en Porriño coa intervención artística de ‘Camiño a Dentro’

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe a ‘Nos pasos’, unha das dez intervencións artísticas programadas en concellos desta ruta

Trátase dun proxecto de ‘O teu Xacobeo’ o programa posto do Goberno autonómico para promover actividades de dinamización na antesala do Ano Santo
 

O Porriño (Pontevedra), 10 de outubro de 2019

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe no Porriño, unha das dez intervencións artísticas programadas este mes de outubro no marco de Camiño a Dentro, un proxecto impulsado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra que se inclúe no programa O teu Xacobeo. Trátase dunha novidosa iniciativa cultural que programa actividades en dez concellos do Camiño Portugués e que ten por obxectivo poñer en valor esta ruta desde unha perspectiva cultural contemporánea, recoñecer o labor das mulleres artistas e propiciar o encontro coa comunidade local e os peregrinos.

A intervención do Porriño, na praza Antono Palacios, é a cuarta desenvolvida ata o momento, e está asinada por Dúas, un grupo de percusión formado pola ourensá Marta Figueirido e a sadense Sabela Caridad. A obra, baixo o título Nos pasos é unha peza inédita que estivo acompañada pola vídeo-creación da artista visual Bea Seijas. A intervención alternou momentos de calma en referencia á espiritualidade do Camiño, ás sensacións plenas como experiencia de peregrinaxe, fronte a outros de caos, en relación ao ritmo de vida imposto polas cidades e o estrés. As artistas deseñaron unha montaxe na que o obxectivo principal é a interacción co público e a resposta que desperta a peza.

Todas as acción artísticas que se levan a cabo baixo Camiño a Dentro destacan pola súa orixinalidade e as múltiples linguaxes que forman parte delas, xa que ademais da acción musical de hoxe, a iniciativa acolle escultura, poesía, teatro, pintura, cine, música, fotografía ou ilustración. As intervencións artísticas continuarán mañá en Oia, o día 16 na Garda, o 17 en Pontevedra, o 18 en Nigrán, o 19 en Tui e rematarán o 25 de outubro en Soutomaior.

Camiño a Dentro inclúese en O teu Xacobeo, o programa posto en marcha pola Xunta para promover actividades de dinamización na antesala do Ano Santo en toda a Comunidade. No caso da provincia de Pontevedra estanse a desenvolver ao abeiro deste programa 83 proxectos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2019