O titular do Goberno galego asistiu este serán á entrega dos Premios Pontevedreses del Año
Feijóo lembra que a misión fundamental de institucións e políticos é ser construtores de pontes e destrutores de muros

Asevera que Galicia está concernida polos graves acontecementos destes días, e recorda que “formamos parte dunha nación común e fundamos, xunto aos demais pobos de España, un Estado democrático e autonómico que se está vendo ameazado”

Insiste no exemplo de convivencia que supón a nosa Comunidade, que conta con cidadáns que poden ser admirados e queridos por galegos de diferente pensamento, tal e como acontece cos galardoados cos Premios Pontevedreses del Año 2018

Pontevedra, 17 de outubro de 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lembrou hoxe que a misión fundamental das institucións e dos políticos é ser construtores de pontes e destrutores de muros. “Destruír, sementar a discordia, exacerbar os sentimentos da poboación, sinalar inimigos irreais é doado”, aseverou, referíndose aos episodios que están sometendo á nosa democracia a unha proba difícil que demanda firmeza cos que alteran a convivencia.

Durante o acto de entrega dos Premios Pontevedreses del Año, e no marco dos sucesos que se están producindo estes días, Feijóo subliñou que unha democracia pasiva diante dos ataques que queren destruíla, está condenada a sucumbir. E, aseverou que Galicia está concernida polos graves acontecementos destes días, recordando que “formamos parte dunha nación común e fundamos, xunto aos demais pobos de España, un Estado democrático e autonómico que se está vendo ameazado”.

Nesa liña, precisou en que unha comunidade non consiste soamente en estar xuntos, senón en facer cousas xuntos. E insistiu no exemplo de convivencia que supón Galicia, onde contamos con cidadáns que poden ser admirados e queridos por galegos de diferente pensamento, tal e como acontece cos galardoados cos Premios Pontevedreses del Año 2018.

Feijóo aseverou que cada un dos premiados ten conviccións e opinións diversas, pero o seu desempeño social tería sido imposible se as súas ideas lles impediran tratar con aqueles que pensan diferente. “É precisamente o contraste o que pule as ideas, o que as perfecciona e as fai máis útiles”, sentenciou.

Por outra banda, o xefe do Goberno galego describiu aos medios de comunicación como pontes construídos con noticias e valorou que “polo Diario de Pontevedra circulan pontevedreses de diferentes beiras que atopan no xornal un vencello máis”. E asegurou que os Premios Pontevedreses del Año engaden outro nexo coa sociedade: “as persoas senlleiras tamén son un factor de unión porque o xenio, a capacidade profesional ou a destreza non casan coa existencia de muros”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/10/2019