As bibliotecas conmemoran en novembro o mes da ciencia en galego con actividades para todos os públicos

A programación está promovida polas consellerías de Cultura e Educación a través das bibliotecas centrais territoriais e escolares

Inclúense actividades de divulgación científica, espectáculos de maxia, sesións de contacontos, obradoiros, relatorios e conferencias

Alicia Estévez Toranzo, microbióloga e académica da Real Academia Galega das Ciencias e da Real Academia Galega de Farmacia, asina o manifesto deste ano

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2019

A Xunta de Galicia promove a celebración do mes da ciencia en galego cunha completa programación de actividades ao longo de todo novembro dirixida á posta en valor das bibliotecas e mais do seu papel impulsor da creación e da divulgación científicas na lingua propia de Galicia.

Os secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e a microbióloga da Universidade de Santiago de Compostela, Alicia Estévez Toranzo –autora do texto conmemorativo deste ano–, foron os encargados de presentar o programa impulsado polas Consellerías de Cultura e Turismo e Educación, Universidade e Formación Profesional nunha rolda de prensa que tivo lugar hoxe na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago.

Anxo M. Lorenzo lembrou a importancia da divulgación social do coñecemento científico, así como de achegar a ciencia a todos os ámbitos da vida. Neste sentido, explicou que as bibliotecas centrais territoriais xogan un papel fundamental neste obxectivo, posto que, a través desta programación, ofrecen actividades variadas para todos os públicos.

Valentín García sinalou que o Goberno Galego apoia os equipos de dinamización da lingua galega, que traballan para que toda a vida cultural dos centros educativos e toda a súa proxección cara á sociedade que os rodea se desenvolva en galego co fin de que o alumnado se afaga a empregar normalmente esta lingua en actividades que superan o espazo académico". "Como cada ano, tamén nos toca mostrar o seu labor cando chega o momento de celebrar a ciencia e de ensinarlles aos rapaces e rapazas as posibilidades e a necesidade de usar o galego para a investigación e a divulgación científica", concluíu.

Unha trintena de actividades

No programa de actividades deseñado para esta conmemoración inclúense unha trintena de actividades de divulgación científica, espectáculos de maxia, sesións de contacontos, obradoiros, relatorios e conferencias. Todos eles, con materiais en galego, se desenvolverán na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Pública de Lugo, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, na Antonio Odriozola de Pontevedra, na Miguel González Garcés da Coruña e na Ánxel Casal de Santiago.

Ademais, tamén se organizarán actividades nos centros de ensino a través das bibliotecas escolares –promovidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos– e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego.

A encargada de asinar o manifesto deste ano é Alicia Estévez, microbióloga da Universidade de Santiago de Compostela e académica da Real Academia Galega das Ciencias e da Real Academia Galega de Farmacia. No seu documento, Estévez Toranzo, pon en valor a función da ciencia no desenvolvemento socioeconómico dun país e subliña o papel que xogan as bibliotecas para que “moitos dos coñecementos rigorosamente contrastados sexan alcanzables ao público”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/10/2019