As primeiras xornadas 'Di non á violencia de xénero no deporte' reúnen na EGAP a máis de 150 actores do tecido deportivo galego para formarse na difusión de mensaxes contra esta lacra

O secretario xeral para o Deporte destaca que grazas a estas xornadas as nosas mensaxes terán “moita máis repercusión e contribuirán a sensibilizar aínda máis á sociedade do perigo desta enfermidade”

A secretaria xeral da Igualdade afirma que “a eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación”

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e máis a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inauguraron no serán de hoxe as I Xornadas ‘Di non á violencia de xénero no deporte’ organizadas pola Xunta de Galicia e dirixidas a clubs, asociacións, federacións, agrupacións deportivas escolares, fundacións deportivas, concellos (responsables de escolas deportivas), técnicos deportivos e alumnos de TAFAD, maxisterio e da Facultade de Ciencias do Deporte e da Actividade Física.

A convocatoria reuniu no salón de actos da EGAP a máis de 150 actores do tecido deportivo galego para formarse na difusión de mensaxes para loitar contra a violencia de xénero no deporte e compartir experiencias e coñecementos que redunden na mellora do deporte galego.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte fixo un repaso polas políticas públicas emprendidas polo Goberno da Xunta para erradicar a violencia de xénero, nomeadamente desde o ámbito deportivo, e lembrou que “tan importante como berrar non xuntos é organizarnos e coordinar o tempo e a forza dos nosos chamamentos para acadar o maior beneficio posible para a sociedade”. “Non teño dúbida de que, grazas a estas xornadas, todo o que facemos desde o Goberno galego e desde todos os ámbitos da nosa sociedade en materia de igualdade terá moita máis repercusión e contribuirá a sensibilizar aínda máis á sociedade do perigo desta enfermidade”, sentenciou.

Por outra banda, a secretaria xeral da Igualdade, sinalou que “é fundamental que as institucións e o mundo do deporte colaboren para educar na igualdade e na loita contra a violencia machista”. Deste xeito fitou cara o poder do deporte que nos axuda a que “a igualdade das persoas e a senrazón da violencia en todas as súas manifestacións, e particularmente a violencia contra as mulleres, enraícen como principios básicos de comportamento”. “A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación”, dixo.

Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A colaboración en materia de deportes forma parte dunha serie de acordos ratificados entre os distintos departamentos da Xunta e con colectivos sociais para impulsar medidas de carácter integral e transversal ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Dentro destas actividades destaca a promoción de campañas específicas contra a violencia de xénero en espazos deportivos e difusión das mesmas, a través dos clubs galegos de alta competición de Galicia, como vén facendo a Xunta coa sinatura de convenios de patrocinio cos cinco equipos con máis sona de Galicia: Celta, Lugo, Breogán, Obradoiro e proximamente co Deportivo. Ademais tamén se está a levar a cabo unha campaña de sensibilización contra a violencia de xénero co colectivo arbitral das diferentes federacións deportivas galegas e no programa Xogade desenvólvese unha campaña con deportistas en centros educativos para formar en valores de respecto, igualdade e prevención da violencia machista a nenos e nenas nos centros escolares.

Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia asina outros vintecinco convenios con deportistas olímpicos galegos e galegas clasificados, ou en fase de clasificación para Toquio 2020 entre os que destacan Javier Gómez Noya, Tamara Echegoyen, Cristian Toro, Teresa Portela, Ana Peleteiro, Susana Rodriguez Gacio ou Adrián Ben.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/11/2019