A Xunta promociona o sector agroalimentario galego no Fórum Gastronómico de Barcelona da man de dez empresas coexpositoras

A Consellería ten un posto propio de 130 metros cadrados onde, ademais das empresas, haberá un espazo propio da Agacal para dar a coñecer e informar sobre todos os selos galegos de calidade

O director da Axencia, Manuel Rodríguez, desprazarase o vindeiro luns ata este certame para apoiar coa súa presenza ás firmas galegas participantes

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2019

A Consellería do Medio Rural estará presente a vindeira semana no Fórum Gastronómico, que se celebra desde o luns 18 ata o mércores 20 en Barcelona, da man de dez empresas galegas do sector agroalimentario. Precisamente, o luns desprazarase ata alí o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, para apoiar coa súa presenza ás firmas da nosa comunidade.

O posto que terá a Consellería é de 130 metros cadrados que albergará un total de dez empresas coexpositoras. Nel tamén estará o posto da Agacal, un espazo propio para poder dar a coñecer e informar sobre todos os selos galegos de calidade.

As empresas participantes son Lagar da Cachada (Cambados), Disaligal S.L. (Tomiño), Mieles Anta (A Coruña), Lugar da Veiga S.L. (Chantada), Orballo (Paderne), Bico de Xeado (Bergondo), Petroni (Padrón), La Central Heladera (Ourense), Mareterra Deluque (Ourense) e Queixos Castelo (Pedrafita do Cebreiro). Entre os produtos a promocionar nesta feira destacan a produción de café, té, cacao, especies, galletas mariñeiras, xeados artesáns, conservas, queixos da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro, viños da Denominación de Orixe Rías Baixas e distintos vermús.

O Fórum Gastronómico de Barcelona é unha cita ineludible no calendario gastronómico nacional e un referente internacional. Nesta edición participarán máis de 300 empresas expositoras con máis de 500 marcas, entre elas as firmas galegas que apostan un ano máis por promocionar os seus produtos e así abrir novos mercados.

Data de actualización: 14/11/2019