A Xunta presenta 'Galicia Nomeada', unha plataforma de referencia na salvagarda e divulgación do tesouro toponímico

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora da Amtega, Mar Pereira; o director do IET, Guillermo Ramón Evia, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, presentaron hoxe o proxecto

O proxecto, desenvolvido pola Amtega en colaboración coa RAG, ofrece unha plataforma web e unha aplicación colaborativa que permite recoller a microtoponimia, rexistrala, xeorreferenciala e difundila desde o novo Portal de Toponimia de Galicia

A iniciativa enmárcase na Memoria Dixital de Galicia, unha estratexia impulsada desde o ámbito público para consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe Galicia Nomeada, unha plataforma web pioneira que favorece a salvagarda, a compilación e a divulgación do tesouro toponímico de Galicia, “un caso singular sen comparanza en España nin en Europa en variedade, antigüidade e densidade de denominacións por km2. Un terzo das entidades de poboación de España está en Galicia, o que explica a nosa vizosa macrotoponimia”, recordou.

O proxecto, desenvolvido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), ofrece tamén unha aplicación colaborativa que permite recoller a microtoponimia, rexistrala, xeorreferenciala e difundila desde o novo Portal de Toponimia de Galicia, cuxa actualización se deu a coñecer no mesmo acto. Conta co financiamento do proxecto GEOARPAD, como acción integrada no programa INTERREG.

O vicepresidente da Xunta destacou que este proxecto é unha iniciativa aberta á cidadanía, porque implica a toda a sociedade na labor de conservar, poñer en valor e recuperar unha parte tan importante do noso patrimonio, como é a toponimia. Desta forma, calquera persoa pode participar de forma activa e colaborar coas súas achegas para enriquecer máis as bases de datos.

Tanto os traballos de elaboración Galicia Nomeada como os de actualización do Portal de Toponimia de Galicia -creado para facilitarlle á cidadanía o acceso á fonte única e normalizada de referencia para a Administración pública e a cartografía de Galicia, o Nomenclator de Galicia- enmárcanse no acordo asinado entre as consellerías de Cultura e Turismo, Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Amtega, e danlle continuidade, asemade, aos traballos que o Goberno galego realiza a través do Proxecto Toponimia de Galicia, tanto a nivel autonómico coma municipal.

Na presentación participaron tamén a directora da Amtega, Mar Pereira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do Instituto de Estudos do Territorio, Guillermo Ramón Evia; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; e o técnico da RAG Vicente Feijoo.

O galego na vangarda das tecnoloxías da lingua

O secretario xeral de Política Lingüística salientou “a estreita colaboración da RAG e o gran traballo feito pola Amtega para deseñar esta plataforma e esta app e poñer ao día este portal e, en xeral, para desenvolver ferramentas que permiten que o idioma propio de Galicia estea na vangarda das tecnoloxías da lingua e que o galego funcione como unha lingua tecnolóxica e do século XXI”.

Pola súa banda, a directora da Amtega lembrou que esta iniciativa “enmárcase na Memoria Dixital de Galicia, unha estratexia impulsada desde o ámbito público en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural, para consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e facilitar a súa difusión e a súa accesibilidade desde calquera lugar do mundo”.

Plataforma aberta á colaboración cidadá

A plataforma Galicia Nomeada, cuxa versión de escritorio pode atoparse neste enderezo e aplicación dispoñible para móbiles Android e iOS, permite a colaboración da cidadanía na recolleita da nosa microtoponimia, o seu rexistro nunha base de datos, a súa xeorreferenciación e a difusión a través dun visor de topónimos desde o propio Portal de Toponimia de Galicia.

A través dunha interface sinxela e intuitiva, permite introducir e localizar microtopónimos de forma individual, aos que se lle pode engadir unha imaxe, arquivos de son e vídeo (formatos mp3 e mp4) e textos explicativos, como descricións, lendas asociadas, fontes, ligazóns... para favorecer, baixo supervisión dun equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da RAG que contrastará e verificará a súa existencia, achegas de gran valor informativo ao xa rico patrimonio toponímico do país e referencia para os traballos da Administración pública, a investigación, o sector empresarial e a sociedade en xeral.

Quen desexe colaborar no proxecto ten ao seu dispor un formulario de contacto neste enderezo, onde, alén dos seus datos persoais, deberá indicar os motivos que o levan a participar no proxecto e os lugares, aldeas ou concellos nos que vai traballar.

Novo Portal de Toponimia de Galicia

O Portal de Toponimia de Galicia, referencia para a toponimia oficial galega, con preto de 480.000 topónimos recompilados, actualízase para ofrecer, no seu afán social e divulgador tres novidades principais: Detrás do nome, O Seminario de Onomástica responde e Sabías que que ofrecen novos contidos, información e recursos arredor da microtoponimia ou da fraseoloxía.

Para alén disto, o novo buscador de toponimia encabeza a web onde se pode atopar todo o referente á toponimia de Galicia, con información actualizada referente á lexislación e cun novo inventario de publicacións relacionadas coa toponimia galega. Ao mesmo tempo, permite comprobar o estado de execución dos traballos de recollida en cada concello de Galicia segundo o antigo Proxecto de Toponimia de Galicia a través dun mapa visual, do que se pode descargar a toponimia rexistrada en cada municipio.

Ademais, os usuarios poden atopar na sección Colabora información sobre a aplicación Galicia Nomeada, así como manuais e vídeos explicativos sobre o funcionamento da aplicación nas súas versións de escritorio e móbil. Por último, a sección Novidades informa de todas as noticias que teñen que ver co proxecto e visibiliza ao traballo das persoas e colectivos que participan neste gran proxecto cultural empregando a aplicación Galicia Nomeada.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/12/2019