O conselleiro do Medio Rural e o delegado territorial reuníronse hoxe en Lugo cos integrantes deste colectivo
A Xunta atende e toma nota das propostas da plataforma Galicia Baleira a prol dun rural rendible e vivo

José González pediulles a elaboración dun documento coas súas achegas que se comprometeu a avaliar

Insistiu na necesidade de acadar prezos xustos para as producións do agro e na importancia de reforzar a súa calidade para mellorar a competitividade do sector
 

Lugo, 14 de febreiro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, atendeu e tomou nota hoxe das propostas da plataforma Galicia Baleira e pediu aos seus representantes que elaboren un documento coas súas achegas, que será avaliado pola Xunta, aseverou.

O conselleiro, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo un encontro con este colectivo e agradeceu aos seus integrantes a oportunidade de poder reunirse con eles e de compartir as súas inquedanzas. Afirmou que lle parece “moi importante que a sociedade civil faga as súas propostas aos políticos e sobre todo que se faga de xeito tan construtivo como está a facer este colectivo”.

Nesta liña, José González destacou que Galicia Baleira “non vén a criticar”, senón a poñer de manifesto unha realidade, partindo dunha situación de despoboamento que afecta fundamentalmente ás provincias de Lugo e Ourense e a partir de aí “fan unha serie de propostas que consideramos razoables”. Lembrou ademais que a Xunta está a traballar xa en medidas que van na liña das demandas e suxestións deste colectivo.

No mesmo sentido, o titular de Medio Rural mostrouse de acordo na “necesidade de avanzar cara o futuro, buscando que a xente que vive no rural viva tamén do rural”. Así, amosou a súa “satisfacción” por comprobar que a posición da Xunta é compartida por esta plataforma e engadiu que “todos apostamos por buscar a rendibilidade da nosa actividade económica no agro, como un mecanismo para atraer, sobre todo, á xente nova”. Unha rendibilidade que, sinalou, “fixamos na agricultura, na gandaría e na silvicultura”.

Marxe de beneficio

O conselleiro trasladou que o Goberno galego actúa nos ámbitos que buscan esa rendibilidade, coa defensa de prezos xustos, que se deben construír a partires dos custos de produción máis unha marxe de beneficio, co fomento da calidade e a promoción dos produtos do agro. Neste sentido lembrou que onte mesmo o Consello da Xunta aprobou integrar estas producións no selo Galicia Calidade, buscando ademais un valor engadido para elas.

José González tamén destacou que na xuntanza se trataron as posibilidades que ofrecerá a lei de recuperación e posta en valor da terra agraria a través de iniciativas como os polígonos forestais, as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta, entre outras. Así, subliñou, poderase “entre todos poñer en valor esa terra extraordinaria que temos para facer producións da máxima calidade e, en definitiva, para ter rendibilidade”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/02/2020