A Confraría da Humildade presenta a nova revista dedicada á Semana Santa 2020
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da nova revista Confraría da Humildade. Semana Santa 2020, que dá conta da axenda de cultos e actos programados pola Confraría da Humildade do 3 ao 19 de abril, no marco da celebración da festa máis importante do calendario cristián deste ano. Ademais de repasar a historia da asociación que dá ao prelo a publicación, o novo volume dedícalle unha sección especial ás Irmandades no Camiño, na que dá conta da Confraría da Mercé de Ferrol, da Real Confraría do Noso Pai Xesús Nazareno (Cristo Medinaceli) de Bilbao e Real Antiga e Fervorosa Irmandade Mariana e Confraría de Nazarenos do Santísimo Cristo da Humildade, a Nosa Señora das Dores. Doce Nome de María e Santiago Apóstol (Mairena de Alcor) de Sevilla.

García Gómez felicitou unha vez máis a confraría por apoiar a comunicación e a celebración dos seus cultos e actos en galego e tamén recordou na súa intervención "a importancia de promover e visibilizar o uso da nosa lingua na confesión relixiosa católica, maioritaria en Galicia, cuxo clero e fieis son maioritariamente galegofalantes". Participaron na rolda de prensa, en representación da Confraría da Humildade, Beatriz Fernández e Rubén Marcuño, tesoureira e vogal, respectivamente.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/03/2020