A Xunta notifica á Comisión Europea o seu Plan de mellora de cobertura móbil e solicita que se fixen mínimos de calidade nos servizos de telefonía móbil

A Administración autonómica cumpre con este trámite para avanzar na iniciativa de mellora das comunicacións en mobilidade en zonas illadas, á que se adheriron 94 concellos

Ademais, a Axencia autonómica vén de solicitar ao Organismo de Reguladores Europeos das Comunicacións Electrónicas (ORECE) que se fixen mínimos de calidade nos servizos de telefonía móbil

A práctica totalidade dos galegos teñen cobertura 4G e máis do 83% dos fogares teñen contratado o servizo de internet a través de banda larga móbil

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2020

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de notificar formalmente á Comisión Europea a iniciativa autonómica para a mellora de cobertura móbil en zonas illadas. Este trámite dá continuidade ao intercambio de información levado a cabo nos últimos meses para acadar a aprobación previa por parte da Comisión Europea e, deste xeito, poder levar a cabo os investimentos públicos previstos para a mellora das redes de telefonía móbil nas zonas rurais.

Un total de 94 concellos do ámbito rural solicitaron a súa adhesión á iniciativa autonómica para mellorar as comunicacións móbiles no rural, lanzada a finais de 2019 e que conta cun investimento de ata 5 M€. Para participar no plan as entidades locais debían incluír na solicitude a cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica, para o que poderán solicitar unha axuda máxima de 30.000€.

Unha vez se levanten as restricións derivadas do estado de alarma, a Administración autonómica, en colaboración co Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia validará as zonas con deficiencias de cobertura trasladadas polos concellos e, conxuntamente con Retegal, visitarase e comprobarase a idoneidade das parcelas indicadas polas entidades locais, creando así un mapa de zonas de actuación.

Aqueles concellos que cumpran cos requisitos, carecer de cobertura e poñer e dispoñer dos terreos adecuados, integraranse nun proxecto, que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador publico Retegal para a construción das torres e dunha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva.

Esixencia a Europa duns mínimos de calidade

Así mesmo, co obxectivo de garantir que as redes móbiles presten un servizo de calidade, a Amtega vén de remitir á ORECE, organismo europeo que se encarga de regular as telecomunicacións na Unión Europea as consideracións da administración galega respecto da necesidade de fixar uns mínimos de calidade do servizo que se preste por parte das redes móbiles.

A ORECE realizou unha consulta pública sobre os criterios que deben cumprir as redes para ser consideradas de moi alta capacidade. O documento presentado polo regulador europeo descartaba impoñer condicións en determinados supostos sobre a calidade do servizo das redes móbiles. Dende a Amtega non se comparte este posicionamento, entendendo que para que as redes móbiles poidan considerarse de moi alta capacidade deben prestar un servizo que satisfaga as necesidades dos usuarios. Por este motivo e co obxectivo de que se teñan en conta as necesidades dos galegos e galegas no que aos servizos de telefonía móbil se refire, a Amtega solicitou á ORECE que modifique a súa proposta para incluír esixencias de calidade de servizo ás redes móbiles de moi alta capacidade.

A importancia das redes sen fíos en Galicia

A telefonía móbil é un servizo imprescindible na actualidade Nos últimos anos a evolución do tráfico das redes móbiles medrou de xeito exponencial, tanto para chamadas de voz como no uso de datos, e as previsións para os vindeiros anos son que esta tendencia continuará. Segundo a información que ofrece o INE, a maior parte das vivendas galegas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 83,1% emprega unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man.

A Xunta de Galicia é consciente deste feito e non quere deixar atrás a ningún galego ou galega, por iso continúa a dar pasos para que en Galicia existan redes de telefonía móbil de calidade e accesibles para todos. Isto require por unha banda mellorar a cobertura e por outra mellorar a capacidade das redes existentes.

Así, grazas ás actuacións postas en marcha no pasado, Galicia conta cunha cobertura 4G superior ao 99% da poboación, pero a evolución e mellora destas redes debe continuar. Coa posta en marcha do Plan Galicia 5G a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) segue a promover a evolución das redes de telefonía móbil en Galicia.

O 90% dos galegos con acceso a internet de 100Mbps en 2021

Xunto co mellora da redes móbiles, a Administración autonómica continúa co seu plan para incrementar a porcentaxe e galegos con acceso a redes ultrarrápidas. Para conseguilo puxo en marcha varias actuacións, que sumadas ás do Estado permitirán que o 90% dos galegos teñan acceso a internet de 100Mbps en 2021.

Ademais, o Plan dotou de acceso a internet de máis de ata 350 Mbps a 81 e polígonos que contan con máis de 1.750 empresas e outras 80 de zonas illadas se beneficiaron de axudas directas para poder acceder a redes ultrarrápidas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/05/2020