A Xunta publica o formulario dixital da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco

Trátase dunha ferramenta precisa para o proceso de avaliación, que serve tamén para que o público se aproxime aos valores extraordinarios deste ámbito

Ofrece unha visita virtual a un total de 19 igrexas e mosteiros como San Pedro de Rocas, Santo Estevo de Ribas de Sil ou Santa María de Montederramo

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2020

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, vén de publicar o formulario dixital da Ribeira Sacra, no que se escolman os contidos principais e visuais máis relevantes da candidatura, así como outros aspectos para o seu coñecemento e difusión. Trátase dunha síntese para visibilizar miles de anos de historia e traballo, que confluíron na creación deste singular territorio, exemplo sobranceiro da acción conxunta das persoas e a natureza.

Este formulario é unha ferramenta complementaria á documentación remitida á UNESCO para a avaliación por parte do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) da candidatura da Ribeira Sacra que, se todo avanza normalmente, será a candidata de España o vindeiro ano na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial. O web irá incorporando progresivamente novos contidos e é accesible en galego, español e inglés.

Mapas, fitos e audiovisual

O formulario estrutúrase en oito áreas, comezando pola presentación na que se dá a benvida ao usuario e se presenta os obxectivos deste, acompañado por un vídeo introdutorio para achegarse á candidatura, así como material audiovisual de alta calidade.

Os apartados Historia e Criterios explican dun xeito claro e visual os valores deste territorio e como estes responden aos criterios que establece a UNESCO para a declaración. Entre outras cuestións, exponse a importancia das ribeiras e das herdades de Rocas, Montederramo e Ferreira de Pantón, e dáse conta de diversos aspectos do seu carácter excepcional.

Pola súa banda, a sección de Mapas contextualiza a localización do territorio da Ribeira Sacra en Europa, España e Galicia, así como o plano da delimitación que se inclúe na candidatura, xunto a datos clave de superficies, parcelas e poboación. Tamén se recolle neste apartado a visualización en secuencia de seccións topográficas reais do territorio, un percorrido dos vales do Sil e o Miño e a posición da ribeira e das herdades.

Neste sentido, cómpre dicir que a información planimétrica compleméntase co apartado de Delimitación, no que se recolle a información polo miúdo da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra coma ben de interese cultural e os enlaces para a información de detalle sobre a protección, que constitúen unhas das meirandes fortalezas da candidatura.

Visitas virtuais en 360º

Este web compleméntase coa selección doutros materiais relevantes que se estima que reforzan a candidatura, como o libro de fotografía Persoas que pintan a paisaxe, dispoñible para a súa descarga no apartado Publicación; ou unha interesante opción para realizar percorridos virtuais por 19 dos principais mosteiros e igrexas da Ribeira Sacra, dispoñibles na pestana Vistas 360º. Así, entre os escenarios que se poden visitar de xeito online neste apartado destaca o mosteiro de San Pedro de Rocas, a igrexa de Santa María de Montederramo ou o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, un dos conxuntos máis sobranceiros do patrimonio cultural galego.

Finalmente, ofrécese un apartado co Calendario cos principais fitos acadados até o momento, que culminará coa presentación da mesma para o seu estudo e debate na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, que se celebrará en sede aínda por determinar durante 2021, cando previsiblemente se coñeza o resultado da avaliación.

O valor universal excepcional

Cómpre lembrar que a devandita candidatura está baseada nun profundo e importante traballo técnico, impulsado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, no que se destaca o valor universal excepcional desta zona en base ao cumprimento dos criterios III, IV, e V das 2017-Operational Guidelines.

Así, a Ribeira Sacra constitúe unha testemuña excepcional da cristianización do Occidente de Europa. Neste territorio desenvolveuse un movemento ascético de eremitas e anacoretas que ocuparon os vales do Sil e do Miño, que co tempo foi substituído por unha fecunda implantación monacal que chega até os nosos días. Precisamente, esta espiritualidade xoga un papel moi importante na candidatura.

Ademais, este territorio representa tamén un exemplo único do monacato de Occidente e da sacralización do territorio, grazas a uns conxuntos arquitectónicos de extraordinaria singularidade que ilustran 1500 anos de historia. O paso do eremitismo ao monacato e a posterior expansión beneditina deixou un bosque de igrexas que ilustran a riqueza e variedade da arquitectura románica dos séculos XII e XIII.

Á marxe do importante patrimonio cultural e arquitectónico, a Ribeira Sacra tamén é unha paisaxe viva e o máximo expoñente da relación entre home e natureza. Proba dista interacción do ser humano co medio son as monumentais terrazas nas ladeiras dos canóns do Sil e o Miño para a explotación dunha agricultura de subsistencia baseada no policultivo. A esencia desta paisaxe antrópica atopámola con todos os seus matices nos terreos de ribeira e bocarribeira.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/05/2020