A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha videoconferencia co Concello e cos responsables da empresa municipal Tussa para abordar a xestión da terminal de autobuses da intermodal
A Xunta e o Concello de Santiago preparan a posta en marcha da nova estación de autobuses intermodal, na que se prevé un incremento de usuarios do 10%

O Goberno galego e o Concello asinarán este mes o convenio para a xestión da terminal e licitarán os novos contratos para a cafetería, a seguridade ou a limpeza

O obxectivo destes avances é que unha vez rematadas as obras, se poida realizar o traslado dos autobuses á nova terminal a comezos do outono

O convenio recollerá a fórmula de explotación para unha estación intermodal, que prevé 2 millóns de usuarios ao ano, ao estar conectada á de ferrocarril, na que se espera a chegada do AVE

Trátase de ofrecerlles aos usuarios os mellores servizos e garantir que a cidade estea preparada para o vindeiro ano Xacobeo

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

A Xunta e o Concello de Santiago preparan a posta en marcha da nova estación de autobuses intermodal, na que se prevé un 10 % máis de usuarios.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo unha reunión, por videoconferencia, na que participaron tamén os responsables da empresa municipal Tussa, para abordar a xestión da nova estación de autobuses da intermodal de Santiago.

O Goberno galego e o Concello asinarán este mes o convenio para a xestión da terminal, o que permitirá licitar de forma inmediata os novos contratos para a cafetería, a seguridade, a limpeza ou o sistema informático de información.

O Executivo autonómico e o Concello están a avanzar para que unha vez que rematen as obras, se poida realizar o traslado dos autobuses á nova terminal a comezos do outono.

A construción da nova estación de autobuses, que leva a cabo a Xunta, xa se achega ao 70% da súa execución total. Tamén se superaron as incertezas e posibles retrasos sobre a pasarela peonil pola crise da covid-19 e o subministro de material procedente de Italia. A terminal xa se atopa na súa recta final, polo que as Administracións están a coordinarse para a súa posta en marcha e garantir un funcionamento correcto e completo.

O convenio para a xestión da nova terminal de autobuses concretará a fórmula para a explotación, por parte da empresa municipal, dunha estación de nova construción con máis de 13.700 metros cadrados e 36 dársenas, na que se prevén 2 millóns de pasaxeiros ao ano.

As instalacións contan con peculiaridades e diferenzas con respecto á actual terminal, xa que se trata dunha estación intermodal que vai estar conectada á de ferrocarril, na que se espera a chegada do AVE.

A nova estación de autobuses ten un emprazamento moito máis céntrico que a actual terminal, con vistas sobre as Brañas do Sar e o Monte Gaiás.

Estas características contribuirán a un incremento nos viaxeiros, tendo en conta un aumento de usuarios do transporte público e tamén a chegada doutros atraídos pola cafetería ou os comercios.

A conselleira subliñou que a Xunta segue a traballar para ofrecerlles a todos os usuarios da estación de autobuses de Santiago os mellores servizos e para garantir que a cidade estea preparada para celebrar o vindeiro ano un gran Xacobeo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/06/2020