A Xunta executa traballos de conservación e limpeza en varios ríos ao seu paso polos concellos de Carballo e Coristanco

Estas tarefas estanse a desenvolver no río Anllóns ou nos regos de Oza e da Balsa, en Carballo; e no río Grande, entre este último municipio e o de Coristanco

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar os traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de varios ríos ao seu paso polos concellos de Carballo e Coristanco.

Estas tarefas estanse a desenvolver no río Anllóns ou nos regos de Oza e da Balsa, en Carballo; e no río Grande, entre este último municipio e o de Coristanco.

As actuacións consisten na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como da madeira morta. Tamén se efectuará a roza selectiva naqueles tramos dos ríos que están cubertos pola maleza.

As obras enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/08/2020