A Xunta apoia con preto de 2,4 M€ a 95 asociacións e federacións de comerciantes para impulsar a competitividade do sector

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, informou dos novos apoios na presentación da nova campaña de dinamización comercial da Federación de Autónomas de Lugo, que conta coa colaboración da Administración autonómica

As axudas, que chegan aos 49.000 euros, permiten atraer clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos na actual situación económica

Entre as principais novidades, concédense apoios para a activación de market places para venda e promoción dos produtos dos establecementos asociados
 

Lugo, 30 de setembro de 2020

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, informou esta mañá en Lugo de que a Xunta vén de conceder apoios por preto de 2,4 millóns de euros a 95 asociacións e federacións de comerciantes para impulsar a competitividade do sector coa posta en marcha de iniciativas que mobilizarán máis de 3,7 millóns de euros.

A directora xeral participou na presentación da nova campaña de dinamización comercial da Federación de Autónomas de Lugo, que leva por nome Agora, máis ca nunca, nas tendas hai que entrar, aínda que sexa de visita, e que se desenvolverá do 2 ao 9 de outubro coa colaboración da Xunta. Na súa intervención, Vázquez Abeal sinalou que o apoio a estas entidades permite impulsar o papel dinamizador do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permiten atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores na actual situación económica.

Por unha banda, a Xunta concede máis de 2 millóns de euros a centros comerciais abertos e asociacións de praceiros que mobilizarán 3,2 millóns de euros en proxectos que inclúen iniciativas de dinamización comercial e sistemas de fidelización. Ademais, os apoios tamén poden servir para xestionar a adquisición centralizada de equipos de protección. Obteñen axudas 56 centros comerciais abertos, por importe de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados.

A través desta liña tamén reciben axudas 26 asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización e dinamización desenvolven iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos, incluída a adquisición centralizada de equipos de protección fronte á covid-19. As axudas chegan a un máximo de 9.800 euros.

Como novidade, tanto os centros comerciais abertos como as asociacións de praceiros podían optar a apoios para a posta en marcha de market places ou outras iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados. Tamén para o desenvolvemento de sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, e a contratación de servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais.

A través da segunda liña concédense 334.000 euros a 13 asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións que mobilizarán preto de 500.000 euros no impulso do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial. Neste caso, os apoios poden chegar aos 49.000 euros.

Campaña en Lugo

A iniciativa da Federación de Autónomas de Lugo que hoxe se presentou desenvolverase entre o 2 e o 4 de outubro co obxectivo de incrementar as compras e incentivar o consumo nos establecementos do centro de Lugo, premiando a fidelidade dos clientes dos mesmos, e tratando de atraer ao consumidor ás rúas, ofertando un comercio seguro e de calidade.

Durante os días de duración da campaña haberá actividades de animación e dinamización comercial nos establecementos participantes. Ademais, todos aqueles consumidores que realicen unha compra por importe igual ou superior a 20€ nos establecementos participantes na campaña poderán participar no sorteo de tarxetas regalo que se celebrará na festa final que se celebrará o venres 9 de outubro.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/09/2020