Orange aborda coa Amtega os 13 casos de uso con tecnoloxía 5G que está a desenvolver en Galicia

O operador foi adxudicatario da segunda convocatoria estatal de axudas de Red.es para probar esta tecnoloxía e farao coa colaboración de dúas pemes galegas, Opatere e Info, e a empresa Gamera Nest

Probarán diferentes aplicacións do 5G no ámbito sanitario, turístico, portuario, educativo, industrial, loxístico, na agricultura de precisión e no gaming

A Comunidade aglutina xa máis de 30 casos de uso con estas redes sen fíos ultrarrápidas, que suman un investimento de 22 millóns de euros

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

Galicia foi un dos territorios escollidos polo operador Orange para presentar a súa candidatura á última convocatoria de axudas estatais de Red.es no marco do Plan Nacional 5G para desenvolver proxectos piloto con esta tecnoloxía. Tras resultar adxudicatario destas subvencións o pasado mes de agosto, representantes do operador reuníanse este días coa directora da Amtega, Mar Pereira, e o director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez, para expoñerlles os 13 casos de uso cos que probarán diferentes aplicacións do 5G no ámbito sanitario, turístico, educativo, industrial, loxístico, na agricultura de precisión, no gaming e no ámbito portuario nos que xa están a traballar e que se desenvolverán ata o 2022.

Cun investimento de preto de 9 millóns de euros, 2,4 públicos, as diferentes solucións desenvolveranse en UTE con dúas pemes galegas, Opatere e Info, e a empresa Gamera Nest. O proxecto de Orange foi o segundo de maior importe dos oito concedidos en España na última convocatoria.

Este piloto, con 13 casos de uso, súmase ao concedido a Telefónica na primeira convocatoria estatal, cun importe de 11 millóns de euros e aos impulsados pola Administración autonómica desde o Nodo 5G Galicia cos tres operadores, Telefónica, Vodafone e Orange cun investimento de 2 millóns de euros. En total, están a desenvolverse na Comunidade máis de 30 casos de uso baseados en tecnoloxía 5G por importe de 22 millóns de euros.

Plan Galicia 5G

Estes pilotos dan resposta ao requisito marcado por Europa de que os Estados membros realicen casos de uso, é dicir, escenarios nos que se che teste e pilote esta tecnoloxía, como paso previo ao seu despregamento. Consciente desta realidade a Administración pública autonómica apostou por exercer un papel facilitador á hora de abordar o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia. Por iso en xullo de 2018 foi a primeira Comunidade en aprobar un Plan para impulsar o ecosistema 5G galego e favorecer o despregamento destas redes no territorio.

En menos dun ano puxéronse en marcha as principais liñas do plan. A primeira, conformar un Nodo 5G co compromiso dos tres principais operadores (Telefónica, Orange e Vodafone) de realizar 9 casos de uso 5G, actualmente en marcha.

Este posicionamento de Galicia no 5G contribuíu a que fose unha das dúas Comunidades en conseguir a subvención estatal para desenvolver un piloto de Telefónica, ao que se engade agora o de Orange nesta segunda convocatoria. En total, e grazas ao impulso de ambas as administracións, en Galicia desenvolveranse máis de 30 pilotos de 5G repartidos polas catro provincias en ámbitos de especial interese para a Comunidade como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.

Ademais, o Plan Galicia 5G aposta tamén pola formación e puxo en marcha o primeiro curso de Especialista Universitario en 5G, en colaboración coa Universidade de Vigo, que vai iniciar a súa segunda edición.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/12/2020