Os concellos de Santiago, Teo e Ames pasan ao nivel máximo de restricións

O subcomité clínico decidiu tamén que os concellos da Coruña, Ourense, Arteixo, Cambre, Culleredo e Barbadás pasen ao nivel medio alto de restricións

O peche perimetral de Galicia vaise manter durante todo o mes de xaneiro, por mor principalmente do elevado número de casos nos concellos do norte de Portugal

Para blindar aínda máis os residencias sociosanitarias, os usuarios non poderán saír dos centros e terán as visitas limitadas a unha única persoa, unha vez a semana.

Contémplase tamén para os vindeiros días un aumento nos cribados tanto poboacional como no colectivo universitario

O grupo de expertos volverase xuntar o martes, onde non se descarta ter que adoptar medidas relativas á hostalería
 

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2021

O subcomité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia vén de acordar, na súa reunión de hoxe, elevar ao nivel máximo as restricións aos concellos de Santiago de Compostela, Ames e Teo, logo de analizar a súa situación epidemiolóxica. Deste xeito os tres concellos formarán unha amendoa perimetral con restrición de mobilidade, tendo que rexerse pola normativa deste nivel referida á hostalería, actividades culturais e deportivas, xuntanzas en lugares de culto, etc.

Así o informou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en rolda de prensa onde estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo e o xerente de Sergas, José Flores Arias.

O comité clínico decidiu tamén subir ao nivel medio alto aos concellos da Coruña, xunto con Arteixo, Cambre e Culleredo, que formarán un perímetro conxunto. O mesmo sucederá cos concellos de Ourense e Barbadás.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comunicou que o subcomité tamén decidiu manter o peche perimetral de toda a comunidade autónoma, que tiña previsto rematar o día 11, durante todo o mes de xaneiro á vista da incidencia que a covid-19 está tendo nos concellos do norte de Portugal. Así mesmo indicou que, de acordo coa consellería de Política Social, decidiuse blindar as residencias sociosanitarias, que agora mesmo están en plena campaña de vacinación, restrinxindo ás visitas a tan só unha semanal por usuario. Ademais quedarán suprimidas as saídas dos centros aos residentes.

Durante os vindeiros días vanse incrementar ademais o número de cribados. Así, na próxima semana vaise realizar un cribado poboacional en Bueu, coma o que se levou a cabo hoxe na Illa de Arousa, e tamén haberá unha especial incidencia nos cribados a estudantes, xa que se levarán a cabo probas nos colexios maiores en colaboración coas universidades. Así mesmo, os universitarios que regresen dos seus lugares de orixe, logo de pasar as vacacións de Nadal, ás cidades onde estudan, poderán de novo inscribirse no rexistro de viaxeiros para solicitar que se lles faga unha PCR.

Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia de hoxe e entrarán en vigor ás 00,00 horas do sábado.

O conselleiro incidiu na importancia de non baixar a garda, lembrando que a loita contra a covid-19 é longa pero necesaria. Neste senso fixo un chamamento ao autoconfinamento nos vindeiros días, pedindo a poboación que non saia da casa se non é imprescindible e limitando todo o posible á vida social. García Comesaña agradeceu aos galegos que están a cumprir as normas o seu esforzo, mentres que lamentou profundamente que aínda haxa quen decida ignoralas, tal e como o demostran as denuncias que houbo no Nadal pola celebración de festas e botellón

O vindeiro martes haberá unha nova xuntanza, neste caso do comité clínico onde se poderían tomar novas medias na hostalería, ante a evolución da situación actual.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 08/01/2021