Medio Ambiente presenta 10 proxectos en materia de biodiversidade para optar a un máximo de 122 M€ dos fondos Next Generation

A conselleira Ángeles Vázquez explicou esta mañá o contido e os obxectivos das iniciativas que o seu departamento aspira a desenvolver nos próximos tres anos grazas ao investimento mobilizado pola UE para facilitar a recuperación económica

Trátase dunha decena de propostas ambiciosas e que buscan responder ás necesidades presentes e futuras do patrimonio natural de Galicia, que aspira a que o 42% do seu territorio estea amparado baixo algún tipo de figura de protección

A intención da Xunta é utilizar os fondos europeos para impulsar o único Parque Nacional de Galicia, a través da restauración dos seus ecosistemas e a aposta pola transición enerxética das Illas Atlánticas, o coidado e protección dos ríos

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentará unha decena de proxectos para tratar de captar ata 122 millóns de euros dos fondos europeos destinados a facilitar a recuperación económica (o chamado Next Generation). Concretamente, todas estas iniciativas deseñáronse pensando na compoñente 4 deste programa, reservada a actuacións para a conservación e restauración dos ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade e cun investimento total previsto de 1.167 millóns de euros de aquí ao ano 2023.

Tras lembrar que estes fondos forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia de España, a folla de ruta do Goberno para executar os recursos asignados por Europa, a conselleira Ángeles Vázquez explicou que as 10 iniciativas presentadas polo seu departamento cumpren con todos os requisitos esixidos para optar a financiamento europeo e, por tanto, son elixibles.

Así o confirmou precisamente onte o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, responsable de xestionar estes fondos e que nunha reunión sectorial coas comunidades previa ao reparto asegurou que os 10 proxectos galegos remitidos están en consonancia coas liñas xerais marcadas por Europa.

Entre as actuacións propostas pola Consellería de Medio Ambiente para aspirar ao financiamento reservado á protección do patrimonio natural cómpre subliñar un conxunto de medidas que poñen o foco sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Cun orzamento de 11 millóns de euros, este proxecto inclúe a restauración e recuperación dos seus ecosistemas e a eliminación de especies foráneas, a transición enerxética do parque e a mellora e renovación de infraestruturas asociadas ao uso público, incluíndo entre outras accións a construción dun campo de traballo.

Como segunda acción que opta a estes fondos, deseñouse o chamado Proxecto Mil Ríos, que conta cun orzamento de 31,3 millóns de euros e ten como obxectivo a recuperación dos humidais e ríos de Galicia a través da restauración de máis de 300 quilómetros de ríos galegos e da mellora das poboacións de peixes nas canles fluviais, facendo especial fincapé en catro: Ulla, Eo, Landro e Sor

Outros 16 millóns de euros aos que aspira Galicia no marco da compoñente 4 correspóndense cun proxecto pensado para os seis parques naturais existentes a través da compra de terreos para a restauración dos seus ecosistemas, da eliminación de especies invasoras, da recuperación de zonas incendiadas e de hábitats degradados, da mellora de infraestruturas, e do deseño dun completo plan de recuperación de especies de interese comunitario existentes nestes espazos.

Precisamente nas especies invasoras centran os seus esforzos outros dous dos proxectos presentados: un que busca a erradicación de especies exóticas invasoras e conta cun orzamento de 14 millóns de euros; e outro man a man co resto de comunidades do Cantábrico (Asturias, Cantabria e País Vasco), cun orzamento de 3,5M€ para loitar concretamente contra a herba da pampa, especie moi presente en todos estes territorios.

Accións para protexer a Rede Natura

Outro dos proxectos presentados aos fondos Next Generation céntrase na recuperación de espazos naturais que sufriron incendios forestais. Dotado con 12 millóns de euros, permitirá actuar sobre máis de 1.500 hectáreas degradadas (sobre todo en zonas Rede Natura) debido á acción dos lumes.

Co mesmo obxectivo de avanzar na protección da Rede Natura 2000, aspírase tamén a acadar 15 millóns de euros cunha iniciativa para intervir en máis de 1.000 hectáreas (a través de medidas de recuperación dos hábitats prioritarios, mellora da conservación de poboacións de especies que se atopan ameazadas e dotación de novas infraestruturas de uso público), o que supón o 25% dos espazos deste tipo cos que conta Galicia.

Así mesmo, aspírase a captar outros 15 millóns de euros para darlle un pulo importante á infraestrutura verde. O obxectivo neste caso é intervir en máis de 1.000 hectáreas para evitar a desfragmentación dos hábitats e darlle continuidade ao traballo iniciado por esta Consellería nos últimos anos na elaboración da infraestrutura verde de Galicia.

Por último, os outros dous proxectos cos que a Consellería optará a financiamento comunitario en materia de ecosistemas e biodiversidade serán a creación dun completo Mapa de hábitats de Galicia (1,1 M€) e a recuperación do entorno do río Eo (2,9 M€), este último en colaboración co Principado de Asturias e que permitiría seguir co labor realizado a través do proxecto europeo Life Fluvial.

Proxectos ambiciosos e na liña da UE

Todos estes proxectos, como explicou a conselleira, contribuirían de forma importante a impulsar a conservación do rico patrimonio natural que atesoura Galicia, a reforzar a aposta da Xunta pola transición ecolóxica e avanzar na senda marcada polo Pacto Verde Europeo.

“Estamos ante 10 ambiciosos proxectos que cumpren as liñas xerais dos fondos comunitarios e cos que queremos responder ás necesidades presentes e futuras do noso medio natural”, resumiu Ángeles Vázquez.

Neste sentido, incidiu na importancia que teñen para Galicia os fondos que se mobilizarán a través do instrumento Next Generation e, particularmente, aqueles destinados a investir na chamada compoñente 4. Así, referiuse ao alto nivel de protección da biodiversidade do que goza a comunidade e que aspira mesmo a incrementar, xa que, como recordou, “o 42% do noso territorio estará amparado baixo algún tipo de figura de protección” se finalmente a Unesco declara a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras de Oribio e Courel.

Finalmente, Ángeles Vázquez incidiu na necesidade de coñecer o antes posible as condicións e criterios que aplicará o Executivo central á hora de facer o reparto entre todas as autonomías dos fondos que porá a UE á disposición de España no período 2021-2023, e que, cómpre lembrar, suporán aproximadamente a metade de todos os recursos mobilizados a través do instrumento europeo Next Generation.

Por iso, a conselleira reclamou axilidade ao Ministerio para dar a coñecer cales destes proxectos elixibles entrarán no reparto dos fondos europeos e as contías concretas coas que avalará cada un deles.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/02/2021