A Xunta reanuda os exames de oposicións en marzo con todas as garantías sanitarias

As autoridades sanitarias avalan o protocolo covid-19 para a realización das probas con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade

Os primeiros exames celebraranse o vindeiro domingo 14 de marzo no recinto feiral de Silleda con capacidade para 13.600 persoas
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

A Xunta vai reanudar os exames de oposicións o vindeiro mes de marzo con todas as garantías sanitarias, logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

As primeiras probas celebraranse o domingo 14 de marzo e terán lugar no recinto da Feira Internacional de Silleda en Pontevedra. Pola mañá realizarase o exame para o proceso selectivo do grupo A2 de Fisioterapia no que están convocados 404 aspirantes; e o do grupo A2 de Terapia Ocupacional/grupo II Terapeuta ocupacional con 417 persoas convocadas. A continuación, na quenda de tarde terán lugar as probas par ao grupo A2 de Enfermería no que están chamados a participar 719 aspirantes.

Probas con garantías sanitarias

As probas realizaranse no recinto feiral de Silleda con capacidade para 13.600 persoas e con todas as garantías sanitarias e total seguridade, unha vez que as autoridades sanitarias avalan o protocolo covid-19 para a súa celebración.

As persoas aspirantes deben acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns.

Ademais, en cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante.

As persoas interesadas poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/02/2021