Luis López destaca o crecemento dos produtos ecolóxicos de Galicia tras duplicarse os consumidores en cinco anos e reitera o apoio da Xunta na súa consolidación

O delegado territorial mantén unha reunión de traballo con representantes do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia para abordar as cuestións de futuro para o sector

“É fundamental seguir impulsando este ramo produtivo, tal e como está a facer a Xunta con 450.000€ anuais tras triplicar as achegas en oito anos, xa que produce alimentos sans e naturais e ademais xa xenera máis de 100 millóns anuais”, di

Pontevedra, 4 de maio de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou esta tarde o forte crecemento dos produtos ecolóxicos de Galicia, xa que os seus consumidores duplicáronse en cinco anos e, engadiu, que dita expansión conta co decidido apoio da Consellería do Medio Rural.

O representante autonómico debullou estes parámetros nunha reunión celebrada esta tarde no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra co representante do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Juan Carlos Juncal. Na mesma abordáronse as cuestións de futuro e as necesidades do sector para seguir medrando e as accións de respaldo e colaboración implementadas polo Goberno galego.

“É fundamental seguir impulsando este ramo produtivo, que está en claro ascenso e non como moda, senón como tendencia consolidada de consumo, xa que os clientes perciben, acertadamente, que están a mercar produtos de proximidade, naturais, ecolóxicos e sans e iso contribúe enormemente ao mantemento de hábitos saudables”, explicou Luis López.

“O crecemento do ecolóxico é imparable e iso é unha boa nova para os produtores, xa que os consumidores non teñen dúbidas e prefiren a súa calidade e orixe natural, así como o compromiso destas explotacións polo medio ambiente, o benestar animal e o solo”, detallou o delegado territorial, que revelou que a Xunta de Galicia préstalle un apoio decidido á súa expansión con 450.000 euros en achegas o pasado exercicio tras triplicar estas axudas en apenas oito anos.

Ademais, a aposta polo crecemento da agricultura ecolóxica tamén se confirma a través de diferentes liñas de traballo da Consellería do Medio Rural, como o compromiso pola calidade ou os selos diferenciados, e de medidas legais, como as futuras leis de recuperación da terra agraria e da calidade alimentaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2021