O edificio administrativo da Xunta en Pontevedra acolle a mostra 'Aquela nena de Sarria' no marco dos actos das Letras Galegas na honra de Xela Arias

O delegado territorial da Xunta, Luis López, visita a exposición, instalada na zona de acceso, e convida a todos os pontevedreses a contemplala para coñecer a vida e obra da escritora e poetisa lucense

O traballo, elaborado polo colectivo Egeria co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está composto por doce paneis que inclúen fotografías familiares, poemas e debuxos para afondar na biografía da autora

Pontevedra, 14 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

O edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra está a acoller a mostra Aquela Nena de Sarria, un traballo elaborado polo colectivo Egeria co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que se enmarca nos actos das Letras Galegas 2021 na honra da escritora e poetisa lucense Xela Arias.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta exposición na zona de acceso do edificio acompañado pola secretaria territorial, Marta Iglesias, e o xefe territorial de Educación, César Pérez, e convidou a todos os pontevedreses a contemplar este traballo para coñecer a fondo a vida e a obra da homenaxeada este ano coa máxima distinción da literatura galega.

“As Letras Galegas son algo moi especial para todas as galegas e galegos, unha efeméride que sentimos moi dentro e que reforza a nosa particular idiosincrasia e identidade, polo que sempre é unha oportunidade para reivindicar ás figuras máis salientables do elemento que máis nos caracteriza, que é a lingua”, significou o representante autonómico, que louvou a figura de Xela Arias “pola calidade e orixinalidade da súa obra, pola transgresión e ritmo dos seus traballos e por contribuír firmemente á defensa da nosa lingua e as nosas letras”.

Esta mostra, que tamén contou coa colaboración do Concello de Sarria e da Real Academia Galega, está composta por unha ducia de paneis moi visuais que explican a súa vida, dende os seus inicios no municipio lucense, e afondan no seu vencello co galego. O traballo, que está a percorrer gran parte da comunidade, inclúe fotografías familiares, poemas e debuxos que serven para afondar na biografía e a bibliografía de Xela Arias.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2021