Política Social destina 50.000 euros ao equipamento da ampliación da escola infantil de Salvaterra de Miño

O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o vindeiro día 8 de xuño

O centro comezará o curso en setembro con seis unidades e 82 prazas, 21 máis ca na actualidade

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta investirá case 50.000 euros en dotar de mobiliario e material ás dúas novas unidades que a partir do vindeiro curso 2021-2022 estarán en funcionamento na escola infantil de Salvaterra de Miño. As empresas teñen de prazo ata o día 8 de xuño para presentar as súas ofertas a esta licitación, que se pode consultar na Plataforma de Contratos de Galicia.

Este investimento súmase aos 200.000 euros que se destinan aos traballos de ampliación do centro, 161.000 financiados pola Administración autonómica e o resto polo Concello. Esta actuación, que se iniciou a finais do ano pasado e que rematará no verán, permitirá iniciar en setembro o curso con 6 unidades e 82 prazas, 21 máis que as actuais.

O obxectivo desta ampliación é atender á crecente demanda de prazas de 0 a 3 anos que ten este municipio, co que se mellora as posibilidades de conciliación das familias de Salvaterra de Miño e tamén da súa comarca.

Mobiliario, material didáctico e electrodomésticos

O orzamento para o equipamento da escola está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O contrato inclúe dotar á escola do mobiliario e dos complementos necesarios para o desenvolvemento do servizo; así como o subministro de instrumentos musicais, artigos deportivos, xogos, materiais artísticos e accesorios. Tamén contempla o equipamento de aparatos electrodomésticos.

Data de actualización: 22/05/2021