A Xunta traballa por unha transformación dixital no emprego coas persoas e o patrimonio dixital no centro

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, clausurou o Programa Integrado de Emprego “Dixitalización documental e fotogrametría”, en Meis (Pontevedra)

A iniciativa, financiada pola Xunta, céntrase na mellora laboral de 100 persoas na comarca do Salnés coa formación, a innovación e as novas profesións como obxectivos principais
 

Meis (Pontevedra), 10 de xuño de 2021

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, clausurou hoxe en Meis (Pontevedra) o Programa Integrado de Emprego (PIE) Dixitalización documental e fotogrametría que tivo por obxectivo capacitar aos seus cen integrantes dos coñecementos ao redor da dixitalización de documentos de prezado valor, conservar documentalmente o patrimonio da comarca do Salnés e o emprego de drons para a fotogrametría de edificios de valor histórico.

A representante da Xunta quixo felicitar ao estudantado do Programa facendo fincapé nunha innovación dixital, expuxo a directora xeral, que vai da man da conservación do territorio e do coidado ao patrimonio galego, dúas ideas que emerxen do modelo laboral ao redor do cal a Xunta de Galicia quere formar ás traballadoras e traballadores, un modelo “que vai máis aló das tecnoloxías innovadoras. Tamén se trata de novos modelos de negocio”, declarou Lado, en referencia a un contexto acelerado pola pandemia da covid-19, expuxo, “onde os sectores industriais demandan novos perfís” en relación ao márketing, a analítica dixital ou o comercio electrónico e onde se estima que coma mínimo, contra finais deste 2021, o 40% do PIB europeo estará dixitalizado.

A directora xeral salientou os esforzos da Administración autonómica en promover a formación de persoas traballadoras autónomas e responsables de pemes en comercio electrónico, así como na análise de datos ou a dixitalización documental, apuntando a transformación dixital coma un polo transformador do mundo laboral e con saída laborals a curto e longo prazo. Así, expuxo Lado, este Programa Integrado de Emprego, cun investimento de 285.000 euros por parte da Xunta, e que se encadra dentro dos 72 millóns de euros investidos neste ano en formación para o emprego, puido aportar cualificación en profesións tradicionais con demanda, responder ás necesidades das empresas da comarca e crear novas profesións en traballos que outorguen a Galicia unha vía de conservación dos seus recursos naturais e do seu patrimonio.

Os e as participantes neste Programa puideron realizar traballos como o escaneamento da igrexa de Santa María de Paradela, a cartelería das festas populares da contorna e de documentos históricos, de prensa e fotográficos nun sistema onde se pode localizar o contido a través da busca por palabras, axilizando deste xeito o contacto coa consulta e a investigación histórica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/06/2021