A Xunta intensifica as accións para promover a presenza de mulleres nas empresas tecnolóxicas

Os programas Mática, Girl SteAm e Faladoiros en Mancomún, teñen como obxectivo difundir información entre nenas e mozas e presentar experiencias de éxito de mulleres no sector TIC

Os campamentos de Mática, que xa comezaron a súa actividade este ano, teñen como obxectivo crear unha comunidade de mozas de entre 12 e 18 anos interesadas nas tecnoloxías

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia recopila en vídeo declaracións de mulleres asociadas e estas profesións para difundilas entre nenas e mozas en idade escolar

Un informe elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) sinala que soamente o 14,3% das empresas tecnolóxicas galegas contan con mulleres en postos de dirección

Unhas 8.000 mulleres ocuparon postos de traballo en empresas do sector tecnolóxico galego en 2020, o que representa o 32,6% dos empregos no sector

Dende 2015, os empregos femininos no sector TIC creceron nun 13,5 %
 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e en colaboración cos colexios profesionais está a intensificar as accións encamiñadas a fomentar as vocacións tecnolóxicas entre as mulleres para acelerar a redución da fenda de xénero.

Durante este verán, a Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) están a desenvolver o campamento tecnolóxico Mática, que xa celebrou a primeira das súas sesións, na que participaron máis de 30 mozas de entre 12 e 18 anos. O obxectivo desta actividade é a creación dunha comunidade de mozas interesadas nas tecnoloxías. Os campamentos desenvólvense de xeito presencial nos campus universitarios da Coruña e Ourense e no Campus Vida de Santiago de Compostela. Ademais ha un grupo on line formado por mozas que non poden asistir de xeito presencial.

Os campamentos manteranse ata outubro e as participantes recibirán ferramentas e contidos que lles permitan acceder a tecnoloxías e as súas aplicacións, así como coñecer o traballo das mulleres nos sectores TIC. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo.

As persoas interesadas poden acceder a máis información na seguinte ligazón:

https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/m%C3%A1tica-campamento-tecnol%C3%B3xico

Por outra banda, o programa Gilr SteAm , que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto, ten como obxectivo o impulso de actividades de difusión de experiencias dirixidas a nenas para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas). Girl SteAm enmárcase no convenio de colaboración entre a Amtega e a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol).

Os obradoiros formativos prácticos deste programa teñen lugar en 18 concellos de Galicia e distribuiranse en dúas quendas para idades de entre 8 e 11 anos, e entre 12 e 15 anos.

No marco deste programa, cabe salientar a realización no ano 2020, dun total de seis conversas gravadas con mulleres referentes, que achegan a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos.

Para máis información pódese consultar a seguinte ligazón:

https://digitalent.xunta.gal/es/iniciativa/girl-steam

A Amtega promove tamén os “Faladoiros en Mancomún” que consiste en conversas en formato vídeo nas que tanto as condutoras como as participantes son mulleres relacionadas co mundo tecnolóxico, e especialmente as que están en contacto con temas relacionados co software libre e a cultura libre.

Os podcast destes faladoiros poden ser consultados en:
https://www.mancomun.gal/artigo-tic/mulleres-no-software-libre-asi-nolo-contaron-elas-en-2020-en-mancomun-podcast/

Ao mesmo tempo, a Amtega está a recompilar entrevistas a diferentes mulleres asociadas á profesión en Galicia co obxectivo de dispoñer dunha base documental para a súa difusión.

Informa do OSIMGA

Todas estas accións teñen como obxectivo a eliminación da fenda de xénero que aínda se mantén nas profesións relacionadas coas tecnoloxías. Neste sentido, o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) ven de publicar o estudo temático “As mulleres no sector TIC, con datos correspondentes a 2020.

Durante ese ano, o número de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, integrado polos sectores tecnolóxico e de contidos foi de 7.963, o que representa un 32,6% dos empregados/as no sector. Dentro do hipersector, o sector contidos é o ámbito no que as mulleres contan cunha maior representación, acadando o 41,1%, mentres que no sector TIC a porcentaxe é do 30,4%.

Debullando os datos, no Sector TIC, as actividades relacionadas coas telecomunicacións son as que contan cunha maior porcentaxe relativa de mulleres, cun 37,1% de traballadoras. En segundo lugar, atoparíanse as empresas dedicadas ás Actividades Informáticas, onde as mulleres representan o 30,2% do persoal, acadando as 3.767 mulleres.

Afiliacións á Seguridade Social

En termos evolutivos, no ano 2020 as afiliacións á Seguridade Social no Hipersector TIC incrementáronse nun 0,2% respecto ao ano anterior, o que confirma a este sector como un dos máis resilientes na actual conxuntura provocada pola pandemia da Covid-19. Non obstante, desde unha perspectiva de xénero, o emprego feminino no hipersector TIC experimentou un lixeiro descenso con respecto ao ano 2019 (-1,9%). Este descenso concéntrase principalmente no sector contidos, mentres que o emprego feminino no sector TIC mantense estable.
 

Estas son algunhas das conclusións recollidas nunha nova edición do estudo temático “As mulleres no sector TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O sector contidos rexistra a menor fenda de xénero do Hipersector TIC

No caso do Sector TIC, o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social no ano 2020 acadou as 5.885 traballadoras, unha cifra practicamente idéntica á do ano 2019.
No período 2015- 2020, o emprego feminino no sector TIC aumentou en 700 traballadoras (+13,5%). Non obstante, o peso da muller no sector TIC descende progresivamente en 2,7 puntos porcentuais neste período porque o ritmo de crecemento do emprego masculino é superior (+28,2%).

Un ano máis, o sector contidos e medios audiovisuais rexistra a menor fenda de xénero do Hipersector TIC, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,1%, empregando a un total de 2.078 mulleres e confirmándose a maior incorporación das mulleres ás actividades relacionadas con contidos e medios audiovisuais. A evolución da presenza da muller no sector contidos mantense estable no período 2015-2020, cun peso do 41% ao longo de todo o período.

Perfil das mulleres TIC en Galicia

O 69,1% das empresas TIC galegas contan con mulleres entre o seu persoal, pero unicamente no 9,3% das empresas TIC as mulleres supoñen máis da metade do seu persoal.
 

Respecto ás funcións desenvolvidas nas empresas TIC galegas polas mulleres, o 14,7% desenvolve tarefas especificamente TIC, fronte ao 49,3% dos homes. Por outra banda, só o 14,3% das empresas TIC galegas conta con mulleres en postos de dirección.

En canto ao nivel formativo acadado, mentres que o 27,1% dos traballadores do sector TIC son homes que posúen algún tipo de Titulación Universitaria STEM, unicamente o 11,9% das mulleres atópanse na mesma situación formativa, o que supón unha fenda de xénero de 15,2 puntos porcentuais. No caso dos ciclos formativos superiores STEM, a fenda de xénero sitúase nos 14,5 puntos porcentuais.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón:
www.osimga.gal
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/07/2021