O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou esta mañá Xanxo Servizos Turísticos, compañía do sector hostaleiro na Pobra do Caramiñal que ten mellorado os seus procesos de venda e xestión

A Xunta salienta a aposta pola dixitalización do tecido empresarial galego a través de programas como o Cheque Dixital que acaba de abrir a súa nova convocatoria

A liña da Vicepresidencia económica, dotada con 4M€ e que permitirá apoiar a máis de 1000 autónomos e pemes, ten como obxectivo a transformación tecnolóxica e o impulso dos procesos de dixitalización, adaptándose á situación xerada pola covid-19

O Cheque Dixital permitiu, na súa primeira edición, impulsar medio cento de actuacións na comarca do Barbanza, que sumaron investimentos próximos aos 200.000 euros

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 16 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de Xanxo Servizos Turísticos, un establecemento hostaleiro na Pobra do Caramiñal no que quixo poñer en valor a adaptación e a aposta do tecido produtivo da comarca pola dixitalización, na procura da mellora continua da súa competitividade.

Así, durante a visita, Guldrís salientou as posibilidades que ofrece a pemes e autónomos galegos o programa Cheque Dixital, que vén de abrir unha nova convocatoria e que permitiu, desde o seu lanzamento en xuño de 2020, impulsar preto de 2400 proxectos en Galicia e investimentos por importe de máis de 11,5 millóns de euros. No caso concreto da comarca do Barbanza, foron medio cento de iniciativas, que mobilizaron preto de 200.000 euros, contribuíndo así á adaptación tecnolóxica do tecido produtivo.

Unha destas iniciativas –explicou o director do Igape, que depende da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación– foi promovida por este establecemento hostaleiro que, grazas ao Cheque Dixital, puido adaptar os seus sistemas de xestión de contidos electrónicos, como menús ou cartas, ademais de apostar polas novas tecnoloxías nos procesos de comercialización. “Xanxo é un referente no sector hostaleiro da comarca desde hai catro décadas, e agora ten sabido adaptarse aos novos tempos”, incidiu Guldrís, que apuntou que neste proceso de adaptación a empresa se ten beneficiado tamén do programa de axudas para o acondicionamento de terrazas.

Neste marco, Guldrís resaltou que coa segunda convocatoria do Cheque Dixital, cuxo período de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de setembro, a Xunta aspira a chegar a máis de 1000 autónomos e pemes galegas, favorecendo deste xeito a mellora da súa competitividade a través do fomento de proxectos no eido da dixitalización. Unha transformación que debe chegar a todo o tecido empresarial –desde as grandes ás pequenas empresas– e a todo o territorio, especialmente ao ámbito rural.

Desta volta, a liña suma un orzamento de 4 millóns de euros, cubrindo desde a habilitación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da covid-19, ata outro tipo de melloras como a aposta por mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación en móbil, automatización de procesos regulados, ou a aplicación de solucións de conectividade e incorporación do teletraballo ou relativas á ciberseguridade.

Poden aspirar a estes apoios as pemes e autónomos do sector servizos e tamén as entidades do tecido asociativo e empresarial galego. Os gastos realizados deberán ascender a un mínimo de 1500 euros, chegando a un máximo de 12.000 euros, e cubrindo a liña ata o 80% do custo dos proxectos, coa posibilidade de obter un anticipo pola metade da axuda.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/07/2021