A Xunta reúnese coa hostalería e co ocio nocturno para explicarlles as novas medidas que se porán en marcha esta fin de semana

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuníronse con representantes de ambos sectores para avaliar a nova situación epidemiolóxica en Galicia e como afecta aos seus negocios

Analizaron a decisión do comité clínico de limitar as reunións, con especial énfase nas nocturnas, así como a apertura da hostalería nos niveis de incidencia máis alta

Para acceder ao interior dos locais nos concellos en niveis máximo e alto será preciso contar co certificado de vacinación completa, ou unha proba negativa nas últimas 72 horas, ou acreditar ter pasado a infección
 

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2021

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña mantiveron esta tarde reunións cos representantes do sectores da hostalería e do ocio nocturno para explicarlles as medidas que se porán en marcha esta fin de semana co obxectivo de garantir que poidan seguir abertos perante a nova situación epidemiolóxica en Galicia, xa que desde a Administración autonómica trátase de evitar o peche dos sectores máis prexudicados pola pandemia.
No marco dos encontros habituais que a Xunta mantén cos colectivos máis castigados pola crise da covid, Alfonso Rueda e Julio García Comesaña, mantiveron hoxe reunións por videoconferencia con representantes do ocio nocturno e da hostalería. En ambos casos, o obxectivo era analizar o impacto das novas medidas acordadas polo comité clínico en relación coa situación epidemiolóxica de Galicia, como permitir a apertura da hostalería cun control de acceso nos niveis de incidencia máis alta.

O obxectivo das novas medidas é evitar que a hostalería teña que pechar cada vez que un concello chega a un nivel de risco máximo ou alto, polo que se permite a apertura da hostalería cun control de acceso nos niveis de incidencia máis alta. Para poder acceder ao interior destes locais nos concellos en niveis máximo e alto será preciso contar co certificado de vacinación completa, ou cunha proba negativa nas últimas 72 horas, ou acreditar ter pasado a infección, quedando exentos de calquera destas acreditacións os menores de 12 anos.

No que respecta aos aforos, no nivel máximo o aforo será do 30% en interior e do 50% en exterior, tendo que presentar a acreditación sanitaria para acceder. E no nivel alto será do 50% en interior, e do 50% en exterior, tendo que acreditalo tamén. Non será necesario esta acreditación para entrar nos establecementos dos concellos en nivel medio, onde o aforo será do 50% en interior e do 50% en exterior. E tampouco no nivel medio- baixo, no que o aforo será do 50% no interior e do 100% nas terrazas.

En canto aos locais de ocio nocturno, deberán permanecer pechados nos niveis máximo e alto, podendo ocuparse o 50% do aforo no interior nos niveis medio e medio-baixo e quedando o 75% en terraza no medio e ao 100% no medio-baixo, sempre acreditando proba negativa nas últimas 72 horas ou estar vacinado.

A Xunta acompañou ao sector desde o inicio da pandemia, e así, puxo en marcha dous plans de rescate con axudas directas nos que se mobilizaron 182M€, dos que máis da metade foron para a hostalería. Agora está en marcha o terceiro plan de rescate, financiado con cargo a fondos estatais, polo que, en total, o sector recibirá 416 millóns.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/07/2021