A Xunta destinará 6 M€ para apoiar aos hostaleiros na instalación de equipamentos poscovid

Esta liña de axudas financia a compra de medidores da calidade de aire, unha das medidas incluídas no protocolo da hostalería que entrará en vigor o mércores

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron hoxe co Clúster Turismo de Galicia e as 4 asociacións provinciais de hostalería o plan que servirá de guía para os próximos meses con independencia da situación epidemiolóxica de cada concello

Os locais de nivel 2 que incrementan os requisitos contarán cun cartel informativo coas medidas e un selo protagonizado por Cunchiña, a mascota virtual do Xacobeo, para identificar que conta co máximo compromiso fronte á covid-19

A Xunta leva investidos no que vai de ano 120 M€ co obxectivo de inxectar liquidez e axudar á reactivación do turismo galego

A Coruña, 13 de setembro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron hoxe con representantes do Clúster Turismo de Galicia, da Federación Hostalería de Galicia e das 4 asociacións provinciais de hostalería o novo protocolo acordado co sector e validado polo comité clínico que entrará en vigor este mércores. Ao acto tamén acudiu o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Trátase da nova folla de ruta que guiará a apertura destes locais nos próximos meses con independencia da evolución epidemiolóxica de cada concello e coa posibilidade de ampliar horarios segundo as medidas de prevención ante á covid-19 que asuma cumprir dos 2 niveis establecidos.

En ambos niveis un dos requisitos é contar cunha ventilación adecuada e con medidores da calidade de aire. Por iso, a Xunta apoiará ao sector a través dunha liña de axudas dotada de 6 millóns de euros que se publicará este mes para que os establecementos hostaleiros e os aloxamentos da comunidade poidan adquirir equipamento poscovid coma estes medidores.

Esta orde apoia tamén aos hostaleiros na implantación de sistemas domóticos ou para realizar o chek-in de forma automática, de control de distancias e accesos, de climatización e renovación de aire que contribúen ao control da pandemia como os medidores de CO2, xunto coa instalación de cartelería, rotulación e sinalética relacionada coas medidas ante a covid-19, servizos e materiais para reforzar a limpeza e a desinfección ou melloras nos locais para crear espazos de maior amplitude, entre outras actuacións.

Trátase dunha das 4 liñas de axudas que se publicarán ao longo deste mes nas que a Xunta investirá case 16 millóns de euros. A primeira delas xa se publicou o pasado venres e, dotada con 350.000 euros, apoia o funcionamento das axencias de viaxe, colectivo ao que o Goberno galego xa apoiou este ano con outras convocatorias por máis de 3,6 millóns de euros. A esta orde sumaranse dúas destinadas a hostalería, esta de 6 millóns de euros coa que reforzar o equipamento poscovid e outra doutros 6 millóns de euros dirixida a recursos tecnolóxicos e accións de promoción e dixitalización nestes negocios co obxectivo de captar e fidelizar clientes. Ademais, a última das convocatorias pendentes de publicación, na que a Xunta investirá 3,5 millóns, permitirá acondicionar as infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes mellorando así a imaxe que Galicia ofrece a turistas e peregrinos neste Xacobeo 21-22.

Con estas novas axudas, son xa máis de 31,2 millóns de euros os investidos este ano pola Xunta en convocatorias para o sector turístico destinadas a empresas, asociacións e concellos, xunto cos 90 millóns de euros que recibiron os negocios de hostalería dos dous primeiros Plans de Rescate do Goberno galego. En total, o investimento da Xunta este 2021 para reactivar o turismo galego trala pandemia ascende aos 120 millóns de euros.

Novo protocolo hostalería

O novo protocolo ratificado hoxe e acordado en consenso co sector pretende reforzar a seguridade sanitaria e co compromiso coa hostalería segura e de que ningún local deba pechar por completo pese a situación epidemiolóxica do concello no que se encontra.

Deste xeito, establécense de dous niveis, segundo o grao de compromiso do local. Nos de tipo 1, a ocupación máxima será do 50% en interiores e do 75% en exteriores e terán que cumprir cos requisitos mínimos de seguridade sanitaria pactados: distancia de 1,5 metros entre mesas; exposición pública dos aforos permitidos do local; medidor de CO2, con anotacións como mínimo cada 4 horas; máscaras cirúrxicas para o persoal, que se deben cambiar cada 4 horas; e 2 horas de formación en protocolos covid para o persoal.

En canto aos locais de tipo 2 -aqueles que incrementan os requisitos e as medidas-, poderán chegar ao 75% de ocupación no interior e ata o 100% na terraza; ademais de facer uso das barras, sempre para utilización individual ou de dúas persoas se son conviventes.

Neste caso deberán cumprir cunha distancia mínima de 1,5 metros entre persoas de distintas mesas; cun rexistro de clientes -só para comidas e ceas-; cun medidor de CO2 continuo, coa recomendación de contar con actuadores que fan saltar automaticamente o aire acondicionado cando se supera determinado nivel; disporán de máscaras FPP2 para aqueles empregados que o requiran, facilitándolles probas diagnósticas cada 7 ou 14 días, dependendo da situación epidemiolóxica; e 4 horas de formación en protocolos covid para o persoal.

Aos negocios que acrediten cumprir estas medidas e se acollan a este nivel 2, a Xunta facilitaralles un cartel informativo no que se recollan tódalas medidas nesta categoría e un selo que acredite o seu máximo compromiso fronte á covid-19 protagonizado por Cunchiña, a mascota virtual do Xacobeo 21-22.

A maiores, reservarase un terceiro nivel de seguridade, para casos extraordinarios cando así o requira a gravidade da situación epidemiolóxica e a ocupación asistencial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2021