A Xunta ofertará cursos gratuítos para os niveis na hostalaría

A Xunta de Galicia, en colaboración coas asociacións de hostaleiros, está a deseñar o contido desta formación así como a acreditación da súa superación, cuns requisitos que se darán a coñecer nos vindeiros días

Para poder obter a acreditación do nivel, os cursos que reciba o persoal do sector terán que estar avalados por Sanidade

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta ofertará cursos específicos e gratuítos para que os locais de hostalaría se clasifiquen como de Tipo 1c ou Tipo 2c.

Todos os cursos a impartir para os profesionais do sector terán que estar revisados e avalados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade para poder obter a necesaria acreditación de nivel.

Tal e como recolle a nova Orde que regula o novo Plan de Hostalaría, estanse a establecer os protocolos de colaboración entre a Dirección Xeral de Saúde Pública, as Asociaciones de Hostaleiros e o Clúster de Turismo, relativos aos requisitos de formación para os profesionais do sector. No grupo de traballo participan tamén tres membros do comité clínico.

Estes requisitos daranse a coñecer nos próximos días e contemplarán os contidos da formación básica e da formación avanzada requerida para que os establecementos poidan clasificarse como locais de Tipo 1c (unha cunchiña), que son os que asumen os requisitos básicos esixidos pola Xunta, ou locais de Tipo 2c (dúas cunchiñas), que son os que cumprirán, ademais, unha serie de requisitos adicionais. Nas vindeiras xornadas informarase tamén das posibilidades para impartir esta formación e acreditar a súa superación, así como do momento no que comezarán a ser esixibles por parte da inspección de saúde pública, garantíndose en todo caso, un prazo razoable para que todo o persoal do sector poida realizalos.

A duración destes cursos será de dúas horas para os locais de Tipo 1c e de catro horas para os de Tipo 2c.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/09/2021