A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na xornada de presentación do proxecto Congals4.0

Congalsa avanza na implantación dun modelo de produción intelixente no sector da alimentación co apoio da Xunta de Galicia

A empresa da Pobra do Caramiñal está a desenvolver o proxecto no marco do programa Fábrica Intelixente e Sostible do Goberno galego

O obxectivo é acometer un proceso de reorientación da organización cara a un modelo de fábrica intelixente a través da dixitalización dos procesos, co apoio do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia-Gradiant

A Administración autonómica ten apoiado xa con esta iniciativa 24 proxectos de I+D+i estratéxicos aliñados coa Industria 4.0, cunha axuda conxunta de preto de 73 millóns de euros

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na xornada online de presentación de obxectivos e resultados do proxecto Congals4.0: Deseño e desenvolvemento dun modelo industrial 4.0 no sector da alimentación galego. Esta iniciativa, que ten como obxectivo avanzar cara a un modelo de produción intelixente mediante a investigación industrial e a dixitalización, conta co apoio da Xunta de Galicia que destinou 2,3 millóns de euros a través do programa Fábrica Intelixente e Sostible e co que se espera mobilizar arredor de 5 millóns.

Durante o acto, Argerey quixo destacar o feito de que a transición dixital e ecolóxica do tecido empresarial galego é clave para impulsar a súa competitividade, así como o da economía galega e instou á industria a aproveitar as posibilidades que ofrecen a dixitalización e a innovación, especialmente nun contexto como o actual de reactivación económica posterior á pandemia.

A directora de Gain puxo como exemplo o proceso que está acometendo Congalsa, con sede na Pobra do Caramiñal, para reorientar a súa organización cara a fábrica intelixente, unha transformación que lle permitirá interconectar todos os procesos, axilizar a toma de decisións estratéxicas e avanzar na integración co cliente.

Cabe destacar a colaboración do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia-Gradiant no proxecto, baixo un modelo de innovación aberta no que empresas e centros de coñecemento colaboran en proxectos conxuntos.
Así, Patricia Argerey apuntou que esta “é unha fortaleza de Galicia, que se sitúa como segunda comunidade autónoma española en realizar innovación en colaboración entre varios axentes”, ao mesmo tempo que puxo en valor o papel dos centros tecnolóxicos como fontes de coñecemento externo para as empresas e a súa contribución ao impulso á innovación nas empresas, especialmente entre as pemes.

O programa Fábrica Intelixente apoiou, ata o de agora, o desenvolvemento de 24 proxectos de I+D+i con axudas por case 73 millóns, cun investimento público-privado de máis de 272 millóns de euros en sectores estratéxicos para a Comunidade e con 68 empresas e centros de investigación públicos e privados beneficiados.

Data de actualización: 22/09/2021