A Xunta lamenta que o Goberno central se negue unha vez máis a eliminar as taxas de reposición

Esta decisión foi trasladada ás comunidades autónomas e organizacións sindicais na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas que se celebrou hoxe

Galicia solicitou en numerosas ocasións a eliminación das taxas de reposición, petición que nunca foi atendida polo Executivo estatal

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vén de mostrar a súa decepción ante a decisión do Goberno central de manter un ano máis as taxas de reposición nas ofertas de emprego público. Esta decisión foi trasladada ás comunidades autónomas e ás organizacións sindicais na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, que se celebrou esta mañá.

As taxas de reposición son limitacións técnicas á incorporación de prazas ás ofertas de emprego e a súa aplicación está unanimemente considerada como o principal factor que determina as amplas taxas de temporalidade que existen nas Administración públicas.

A Comunidade galega solicitou en numerosas ocasións a eliminación das taxas de reposición. De feito, Galicia chegou a presentar unha proposta forma de modificación do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), unha petición que nunca foi atendida polo Goberno do Estado.

Non obstante, Galicia valora positivamente o anuncio do Goberno de eximir aos dispositivos de incendios da aplicación destas taxas de reposición de xeito que a convocatoria de prazas estará condicionada unicamente pola suficiencia financeira de cada comunidade. Neste sentido, ponse de manifesto que non hai xustificación para que esta medida se limite unicamente a este sector e non alcance ao resto de persoal que presta servizos básicos como son a sanidade, a educación e os servizos sociais, especialmente nas comunidades autónomas que cumpren coa consolidación fiscal.

Con respecto ao anuncio da suba salarial aos empregados públicos, o Goberno central non celebrou ningunha xuntanza coas comunidades autónomas, e estas coñeceron as intencións do Executivo durante a reunión mantida hoxe xunto coas organizacións sindicais e sen ningún tipo de participación e negociación previa, un comportamento que para o Goberno galego está lonxe da cogobernanza real.

Data de actualización: 05/10/2021