O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o alcalde de Porto do Son visitaron hoxe os terreos nos que se edificará o centro

O novo colexio que a Xunta construirá en Portosín será o segundo deseñado integramente baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Situarase na zona do Mariño, preto do núcleo urbano

Substituirá ao actual, dando resposta á obriga de deixar libre o dominio público marítimo terrestre que ocupa

Porto do Son (A Coruña), 11 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, visitaron esta mañá a parcela do futuro colexio CEIP de Portosín. A previsión é que estea rematado ao longo do curso 2023/2024.

Tal e como explicou o conselleiro, o novo colexio de Infantil e Primaria construirase na zona do Mariño, preto da parte urbana, tras descartar unha primeira localización proposta polo Plan Xeral de Ordenación Municipal que non era axeitada polo seu afastamento do núcleo de Portosín. O cambio de localización esixe da realización dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotación, no que o Concello de Porto do Son xa está traballando.

“Desde a Xunta queremos de xeito paralelo levar a cabo todo o relativo á elaboración e á redacción do proxecto para que no momento no que teñamos os terreos poidamos sacar a licitación a obra”, sinalou o conselleiro.
Román Rodríguez salientou que a construción do novo centro vén dar resposta á obriga de deixar libre o dominio público marítimo terrestre que está ocupando o actual CEIP de Portosín. “Poñemos solución a esta problemática ao tempo que dotamos ao concello de Porto do Son, que conta cunha poboación escolar de máis de 900 alumnos, dunha nova infraestrutura educativa”.

A este respecto, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que o novo centro será o segundo construído integramente (tras o novo colexio do Milladoiro) baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para o deseño dos centros educativos postcovid. “Estes centros serán máis amplo e saudables, estarán mellor integrados na contorna e, o que é máis importante aínda, virán preparados para ser versátiles e dar resposta ás necesidades ensino das próximas décadas”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2021