A Xunta inicia o luns a campaña da vacinación antigripal cun investimento de preto de 5,3 M€ e máis de 885.000 doses de vacina adquiridas

Feijóo destaca como principal novidade que a vacinación será secuencial

“Segue a ser fundamental a prevención e segue a ser fundamental a vacinación”, salienta, recordando que non podemos baixar a garda fronte aos vellos virus coñecidos

Lembra os bos datos da campaña de 2020 na que se administraron máis de 840.000 doses e a cobertura a persoas de 65 ou máis anos foi superior ao 70%

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa de Consello o inicio o próximo luns da campaña de vacinación antigripal, que se estenderá ata finais de decembro. Nesta liña, destacou que contará cun investimento de preto de 5,3 millóns de euros que permitirán adquirir máis de 885.000 doses, que serán distribuídas nos máis de 900 puntos de vacinación despregados, entre centros de saúde, hospitais e residencias. “Segue a ser fundamental a prevención e segue a ser fundamental a vacinación”, salientou, recordando que non podemos baixar a garda fronte aos vellos virus coñecidos.

Como principal novidade, o titular do Goberno galego destacou que, por primeira vez este ano e para mellorar a xestión, a vacinación será secuencial. O luns 18 de outubro comezará a inoculación ao persoal de centros sanitarios públicos e privados. A partir do 25 de outubro será a quenda dos de 65 e máis anos e persoas en centros ou residencias. Desde o 15 de novembro vacinarase ás persoas de 60 a 64 anos, maiores de 60 con patoloxías de risco, embarazadas e prematuros de ata 2 anos e persoal de servizos esenciais e farmacias. E, por último, desde o 29 de novembro continuarase co resto da poboación diana sen vacinar e conviventes con persoas de risco.

A este respecto, e despois de facer un chamamento a estes colectivos para que acudan a vacinarse, Feijóo lembrou os bos datos da campaña de 2020 na que se administraron máis de 840.000 doses e a cobertura a persoas de 65 ou máis anos foi superior do 70%.

Ademais, tamén subliñou que esta é unha campaña da gripe distinta, xa que en paralelo se administrará a determinados colectivos a terceira dose da covid, logo de que o Ministerio decidise a semana pasada inoculala aos maiores de 70 anos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/10/2021